Detido o ex-mozo da muller falecida en Narón vítima de violencia machista
A policía nacional detivo o ex-mozo da muller que morreu onte en Narón vítima de violencia de xénero. Está acusado de provocarlle a morte cunha arma branca. ler máis
A policía retoma a busca dos nenos de Córdoba desaparecidos hai nove meses
En Córdoba, a Policía retoma hoxe a busca dos nenos Ruth e José desaparecidos hai case nove meses. Outra vez, rastrexarán o terreo dos avós paternos nas Quemadillas. ler máis
Aumenta a presión sobre Paraguai a raíz da destitución do presidente Fernando Lugo
Varios países latinoamericanos retiraron ou chamaron a consultas os seus embaixadores en Paraguai pola destitución do presidente paraguaio, Fernando Lugo. ler máis
O goberno portugués afronta hoxe a súa primeira moción de censura
O goberno de Portugal defende a necesidade de continuar coa liña de axustes marcada tras o rescate ao país en abril do ano pasado. O executivo luso afronta hoxe unha moción de censura presentada polos partidos de esquerdas contra as políticas de austeridade.
Portugal solicitou 78.000 millóns de euros de rescate en abril do ano pasado e desde aquela o goberno aplicou un drástico programa de axuste con recortes en servizos públicos, aumento de impostos, privatizacións e reforma laboral.
ler máis
España presentará hoxe a solicitude formal de rescate bancario
O ministro de Economía presentará este luns ao Eurogrupo a solicitude formal de rescate bancario. A petición non incluirá o importe exacto das axudas.
O Goberno agarda que o memorando coas condicións que se imporán ao conxunto do sistema financeiro español a cambio da axuda europea se acorde na reunión do Eurogrupo do próximo 9 de xullo.
O ministro de Economía, Luis de Guindos, espera que o crédito sexa a longo prazo, máis de 15 anos, conte cun período de graza entre 5 e 10 anos e tipos de interese entre o 3 e o 4%.
ler máis
Os ministros de Economía da UE pídenlle a España que suba o IVE e suprima a dedución por vivenda
Os mineiros marchan cara á Madrid en protesta polos recortes
Principiou a marcha do carbón. Máis de douscentos mineiros camiñan xa cara a Madrid desde Asturias, Teruel e León. Percorrerán máis de catrocentos quilómetros durante dezanove días para pedirlle ao Goberno que non aplique o recorte do 63 por cento nas axudas ao sector.
ler máis
O Plan de turismo aprobado hoxe pretende reforzar a marca "España"
O Consello de Ministros tamén deu luz verde ao Plan integral de turismo. Pretende reforzar a marca "España" para atraer visitantes, fomentar a innovación e apoiar os mozos que abran empresas para os turistas.
ler máis
O Goberno aproba o Plan de loita contra a fraude fiscal e limita o pagamento en efectivo a 2.500 euros
O Goberno podería enviarlle hoxe ao Congreso a lei que prohibirá pagar en efectivo facturas de máis de 2.500 euros. A norma, que busca loitar contra a fraude a Facenda, tamén recolle medidas para perseguir os paraísos fiscais e os defraudadores que se declaran insolventes para non pagar.
A norma, que o Goberno xa tratou hai dous meses e que agora está discutindo outra vez, prevé que só se poderán pagar en efectivo as facturas de menos de 2.500 euros. As de máis haberá que pagalas por transferencia bancaria, tarxeta de crédito ou calquera outro medio ao que Facenda poida acceder.
A multa poderá ser dun 25 por cento do valor da operación. Pagarán a sanción a medias o pagador e o cobrador, polo que será obrigatorio gardar calquera xustificante de pagamento durante 5 anos.
A excepción serán os estranxeiros, que poderán pagar en efectivo ata 15.000 euros. O Goberno quere evitar problemas cos turistas.
A norma tamén establece que non prescribirán os delitos relacionados con contas en paraísos fiscais. Facenda poderá reclamarlles aos titulares os impostos correspondentes, independentemente de cando descubrira a conta.
O proxecto tamén prevé cambios para os empresarios que pagan por módulos. Quedarán fóra da estimación obxectiva os que ingresen máis de 50.000 euros ao ano, sempre que as operacións con particulares sexan menos da metade da facturación.
O texto tamén establece que aqueles que dificulten ou impidan inspeccións fiscais poderán recibir multas de entre 1.000 e 100.000 euros. Ademais Facenda poderá facer máis embargos, mesmo antes de ter ditames firmes, para evitar que os contribuíntes se declaren insolventes para non pagar.
ler máis
O Delegado do Goberno en Galicia cre que as críticas á policía poden supoñer un atentado contra a democracia
Samuel Juárez argumenta que as forzas da orde realizan o seu traballo en situacións de extrema dificultade, polo que na súa opinión, as críticas que reciben adoitan ser inxustas. Díxoo durante o acto de inauguración dunhas xornadas policiais que se desenvolven en Vigo.
ler máis
O patrón maior da Confraría da Coruña anuncia un ERE para os traballadores do pósito
O patrón maior da Confraría da Coruña anuncia un ERE para os traballadores do pósito
A crise tamén afecta á confraría de pescadores e mariscadores da Coruña. O patrón maior, Manuel Cao, anunciou esta mañá que o pósito se verá obrigado a presentar un ERE ante a perda de ingresos causada polo furtivismo.
ler máis
O PSdeG insta ao Parlamento a recorrer ante o Constitucional os decretos sobre Sanidade e Educación
Os socialistas galegos solicitan formalmente no Parlamento que a Cámara galega acorde recorrer perante o Tribunal Constitucional os Decretos do Goberno central sobre Sanidade e Educación.
A iniciativa, rexistrada con trámite de urxencia, foi presentada polo secretario xeral do PSdeG. Pachi Vázquez asegura que é unha medida excepcional pero que non lle quedaba outra saída. O socialista anuncia que, no caso de gañar as eleccións, farán que os pensionistas galegos non teñan que pagar parte das súas medicinas.
ler máis
A policía investiga as circustancias da morte dunha muller maior que apareceu degolada na súa casa de Pontevedra
Os resultados da autopsia serán determinantes.
A muller, de 76 anos, presentaba unha ferida profunda desde a caluga ata a xugular, feita, segundo todo indica, cun coitelo. O seu corpo sen vida foi descuberto por súa irmá, coa que vívia, outra anciá de 83 anos na casa da rúa Germán Adrio no centro de Pontevedra.
Foi ela quen deu a voz de alarma a unha veciña que chamou ás urxencias. Cando chegou a policía nada indicaba no domiciclio sinais de roubo ou forzadura nas portas.
Ata que a autopsia determine como se fixo esa ferida todo son conxeturas. A policía non desbota a autolesión pero tampouco o homicidio. Na Comisaria provincial si confirman que non hai detencións.
ler máis
O BNG aposta por unha política de crecemento económico que evite a emigración da mocidade
O BNG presenta no Parlamento as súas propostas para a dinamización da demografía en Galicia. Tras cualificar de nefastas as políticas da Xunta, o deputado nacionalista Manuel Parga aposta por unha política de crecemento económico que evite a emigración da mocidade e que fixe poboación no medio rural.
ler máis
Iberia vai impugnar o ditame do mediador do conflito cos pilotos
Iberia comeza os trámites para impugnar o ditame que emitiu o mediador no conflito entre a empresa e os pilotos. A compañía di que o árbitro se excedeu no seu ditame porque tomou decisións que lle afectan negativamente á xestión da empresa.
O ditame, emitido hai un mes, báixalles os soldos aos pilotos un 10 por cento, a metade do que quería a empresa, e prohibe que a nova liña de baixo custo, Iberia Expres, faga viaxes longas, de máis de seis horas.
Os dirixentes da compañía consideran que o mediador non pode impoñer medidas tan importantes para a empresa, porque deixa os xestores sen capacidade de decisión, e porque lle impide reducir custos e medrar no futuro.
O sindicato de pilotos, o Sepla cre que as impugnacións de Iberia non irán adiante porque o laudo ten valor legal. Di que, independemente dos recursos, ten que aplicalo de forma inmediata.
ler máis
O PSdeG pide a dimisión de Mauro Varela por asegurar que os que mercaron as preferentes non foron enganados
Treboada política a raíz das declaracións de Mauro Varela na Radio Galega sobre as participacións preferentes. Os socialistas galegos esixen a dimisión do copresidente de Novacaixagalicia por asegurar que os que mercaron ese produto financeiro o fixeron a sabendas, non enganados.
Para o deputado socialista Francisco Rivera as palabras do responsable de Novacaixagalicia son insultantes e inadmisibles. Por iso pide a súa dimisión e reclámalle, ademais, que pida desculpas. O socialista di que, ademais de mal xestor non demostra consideración ningunha cos milleiros de galegos afectados.
Indignados coas palabras de Mauro Varela tamén se amosaron os afectados polas preferentes que esta mañá se manifestan polo centro de Vigo.
Chegados de toda a provincia, aseguraron que declaracións como as que fixo Varela na Radio Galega aínda os animan máis a seguir loitando para recuperar os seus cartos.
ler máis
Prexudicados polas preferentes descoñecían o risco do que asinaban, asegura o seu avogado
O avogado dun grupo de prexudicados polas preferentes de Novagalicia Banco sae ao paso das declaracións que fixo onte na Radio Galega, o copresidente de Novacaixagalicia Mauro Varela.
Varela dixera que os clientes sabían o que asinaban, pero hoxe o avogado negouno. Dixo que os máis, sobre todo xubilados, non coñecían os riscos e que só asinaron porque confiaban nos directores das sucursais.
En calquera caso, o avogado, Jaime Concheiro, di que, ademais de Novagalicia, tamén tiñan responsabilidade o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores por permitiren o produto.
ler máis
Minicumio esta tarde en Roma dos líderes de Alemaña, Francia, Italia e España
Minicumio europeo a catro bandas, que se celebra esta tarde en Roma. O presidente español reúnese cos líderes de Alemaña, Francia e Italia para fixar unha folla de ruta que permita atallar a crise actual.
Ademais do rescate á banca española estará tamén sobre a mesa a posibilidade de que os fondos de rescate europeos compren débeda de países como España e Italia para aliviar a tensión.
ler máis
O FMI mételle présa a Bruxelas para a recapitalización directa da banca
O Fondo Monetario Internacional mételle présa a Bruxelas para que permita canto antes a recapitalización directa da banca.
O ministro De Guindos afirmou, ademais, que cando chegue a Madrid estará lista a carta para solicitar formalmente a axuda á banca, que oscila entre os 51.000 e os 62.000 millóns de euros, segundo as auditoras. A misiva será remitida de forma inmediata, dando a entender que podería ser hoxe mesmo.
ler máis
Aprobados os orzamentos de Santiago que ascenden a 98 millóns de euros
Aprobados inicialmente os orzamentos de Santiago para este ano. As contas, que saíron adiante cos únicos votos do PP, ascenden a noventa e oito millóns de euros.
ler máis
Entradas anteriores