CRTVG

Buscar

Está pasando

Alberto Chan di na Radio Galega que este ano se inicia a recuperación económica

09/09/2014 10:33

A recuperación económica estase a iniciar este ano, pero os tres próximos serán definitivos para acabar coa crise.
Asegurouno no "Galicia por diante" o 'bróker' e asesor financeiro Alberto Chan, que tamén dixo que a prima de risco e a súa baixada facilitou que os empresarios poidan empezar a contratar e baixe o paro.
Chan tamén dixo que a bolsa española é nestes momentos a máis interesante a nivel mundial.
Este experto e escritor ferrolán dixo que os valores con máis potencial están no sector bancario e prevé moitas subas nos mercados no que resta de ano.
Do seu libro "Gañe diñeiro na bolsa" asegurou que calquera pode ter este obxectivo e só hai que saber como comprar e cando vender, xestionar e controlar as emocións.
Alberto Chan apunta que a meirande parte dos que entran na bolsa e non seguen "é por medo a perder o que non gañan".
O sector bolsista demostra que hai confianza en España e que se está a saír da situación económica.
"Entrou investimento estranxeiro e a prima de risco está baixa, entre 120 e 140 puntos". Ademais, "os empresarios poden empezar a contratar e pouco a pouco notarase a baixada do paro".
Alberto Chan opina que o gasto público "había que pechalo porque, se non, non poderiamos pagar a débeda".
A recuperación económica estase iniciando este ano, pero os tres próximos anos van ser definitivos.
Por último, lembrou que agora é o mellor momento para investir na bolsa.