CRTVG

Buscar

Está pasando

A Fegamp cre que a anulación da plusvalía municipal afectará a moitos concellos

17/02/2017 15:00

A Federación Galega de Municipios e Provincias recoñece que o imposto de plusvalía que aplicaban os concellos, e que acaba de anular o Constitucional, non se aplicaba de forma correcta.

En teoría gravaba a revalorización das vivendas, pero o alto tribunal di que na práctica era aboado sempre, aínda que perdesen o seu valor.

O presidente da Fegamp asegura que estudarán a sentenza para ver en qué medida afecta ós municipios galegos, pero adiantou que era unha importante fonte de ingresos nos de máis de 10.000 habitantes.

A resolución do Constitucional determina que en ningún caso se pode establecer un tributo tomando en consideración actos ou feitos que non sexan expoñentes dunha riqueza real ou potencial.
Considera que non é legal impoñer un imposto cando non se produciu unha ganancia económica.

A sentenza obriga a reformar este imposto local, denominado Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, unha importante fonte de ingresos para os concellos de máis de 10.000 habitantes.

O novo gravame non se poderá aplicar se non se produciu unha ganancia económica ou se impide aos contribuíntes acreditaren que non se produciu un incremento do valor do inmoble.