Está pasando

As perdas polo Prestige superaron os 4 330 millóns

21/05/2013 18:30
As perdas ocasionadas polo accidente do Prestige en 2002 superaron os 4.330 millóns de euros en Galicia e no resto do litoral cantábrico.
Son datos dun informe encargado pola Fiscalía e que se presentou hoxe no xuízo que se segue na Coruña polo accidente do petroleiro grego.
Só na nosa comunidade, o impacto da catástrofe cífrase en 2.440 millóns. ler máis

O Goberno confirma o dobre secuestro de Colombia

21/05/2013 18:26
O ministro español de Exteriores, José Manuel García Margallo, confirmou esta tarde no Senado o secuestro de dous turistas españois en Colombia.
Segundo as autoridades dese país, trátase de Ángel Sánchez Fernández e Concepción Marlaska Sedano, parente do xuíz da Audiencia Nacional Fernando Grande-Marlaska. Os dous son naturais de Avilés e estaban en Colombia de vacacións.
Segundo fontes policiais colombianas, desde o ano 2000, polo menos 18 españois foron secuestrados no seu país. ler máis

Oklahoma reduce as vítimas mortais do tornado a 24

21/05/2013 17:37
As autoridades locais de Oklahoma reducen a 24 a cifra de vítimas mortais do devastador tornado que sacudiu a cidade.

Despois de elevar a cifra de mortos a medio cento, as autoridades explicaron esta tarde que contaron dúas veces os corpos e que son 24 os falecidos, aínda que poderían aumentar nas próximas horas.
Os servizos de urxencia continúan buscando entre os cascallos, sobre todo en Moore, onde os danos foron máis importantes. ler máis

Dous españois están secuestrados desde o venres en Colombia

21/05/2013 16:14

Dous turistas españois, un home e unha muller, permanecen secuestrados desde o venres pasado no noroeste de Colombia.
Segundo fontes policiais colombianas, os secuestradores, aínda sen identificar, pediron xa un rescate.
As mesmas fontes subliñaron que a muller é familiar do xuíz español Fernando Grande-Marlaska.
Segundo transcendeu, na súa chamada ás familias dos secuestrados, os secuestradores indentificáronse como integrantes das FARC. ler máis

Detectado un brote de gripe aviaria en Cataluña

21/05/2013 15:34

A Generalitat de Cataluña confirma a existencia dun brote do virus H7N1 de gripe aviaria nunha granxa de galiñas reprodutoras, o que obrigou ao sacrificio dos animais e á desinfección das instalacións.
O brote fora detectado o pasado día 14 pola propia explotación avícola, en aplicación do Plan de vixilancia da sanidade avícola desa comunidade.
O caso deste virus, que dificilmente se transmite ás persoas, afectou unha granxa de 13.000 aves. Segundo fontes da Generalitat, os síntomas remitiron dous días máis tarde de activarse o protocolo de medidas preventivas para situacións semellantes. ler máis

O presidente da Xunta viaxará este ano a Cuba

21/05/2013 14:05

O presidente da Xunta viaxará por primeira vez a Cuba desde que desembarcou hai catro anos en San Caetano. Alberto Núñez Feijoo acudirá á illa caribeña para reforzar os lazos cos galegos residentes na zona e afondar nos vínculos económicos entre ambos países.
A viaxe terá lugar no segundo semestre do ano. ler máis

A xuíza Pilar de Lara prorroga un mes o segredo de sumario da operación Pokemon

21/05/2013 14:00

A xuíza Pilar de Lara decidiu prorrogar un mes máis o segredo do sumario da operación Pokemon.
A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo notificou hoxe ás partes
a súa decisión. ler máis

O Rei recibe a Bill Clinton

21/05/2013 13:29

O Rei recibe hoxe no palacio da Zarzuela o ex-presidente dos Estados Unidos Bill Clinton.
A audiencia é a única actividade pública do monarca esta semana.
Don Xoán Carlos continúa recuperándose da operación de costas á que se someteu o pasado 3 de marzo.
O ex-mandatario norteamericano participará esta tarde nun foro sobre emprego e mozos en que tamén estará o príncipe Filipe. ler máis

Detidas 4 persoas na Coruña acusadas de roubo con intimidación

21/05/2013 12:52
A Garda Civil detivo 4 persoas, veciñas da Coruña, por asaltar unha casa na localidade coruñesa de Bergondo.

Son tres homes e unha muller con idades comprendidas entre os 21 e os 43 anos .

Están acusados de roubos con violencia e intimidación, detención ilegal e tenencia ilícita de armas. ler máis

Galicia agarda que a CE resolva a legalidade do 'tax lease'

21/05/2013 12:49

O conselleiro de Economía e Industria agarda que a Comisión Europea resolva canto antes a legalidade das axudas do 'tax lease' para desbloquear os 40 contratos do naval.
Francisco Conde coida que os argumentos xurídicos presentados polo Goberno español serán admitidos con celeridade.
Tamén PYMAR, a sociedade que aglutina os estaleiros privados españois, facía fincapé en que a Comisión Europea ten xa toda a documentación para ditaminar se se teñen que devolver ou non as axudas.
Dende PYMAR quéixanse de que o sistema europeo non lles permita competir en igualdade de condicións e advirten que perigan 40 barcos e unha facturación de arredor de 2.000 millóns de euros.
O titular de Economía e Industria da Xunta recoñeceu tamén que a tardanza da Comisión condiciona os contratos. ler máis

Trasladan en helicóptero un ferido na Estrada

21/05/2013 12:26
Na localidade pontevedresa da Estrada un home foi trasladado en helicóptero ata o hospital clínico de Santiago logo de caer polas escaleiras da súa vivenda.

Trátase dun home de 32 anos que vive na parroquia de Santeles. ler máis

Baixan os afiliados estranxeiros á Seguridade Social

21/05/2013 12:25

O número de afiliados estranxeiros á Seguridade Social baixaron en Galicia máis dun 7% en abril con respecto ao mesmo mes do ano pasado.
En toda España a Seguridade Social gañou algo máis de 15.000 cotizantes estranxeiros. En termos interanuais baixou algo máis dun 5%. ler máis

O Centro de Transfusión de Galicia anima a doar sangue

21/05/2013 11:29

As reservas dos grupos sanguíneos A positivo, cero negativo e cero positivo presentan niveis baixos en Galicia, segundo datos do Centro de Transfusión.
Mentres, as do grupo A negativo seguen normais.
O Centro de Transfusión de Galicia lémbralles aos cidadáns que para poder atender as necesidades dos centros sanitarios galegos son necesarias 500 doazóns de sangue diarias. Por iso, subliña a importancia de que acudan doar todos os grupos sanguíneos. ler máis

España pagará algo máis de xuros pola súa débeda a curto prazo

21/05/2013 11:27

O Tesouro Público colocou 3.510 millóns de euros en letras a tres e nove meses, malia que terá que pagar algo máis de xuros polas letras de menor prazo. ler máis

A vitoria do Mallorca manda o Celta ao último posto

21/05/2013 11:18

O Mallorca derrotou onte o Betis por un gol a cero, e con este resultado mantén a esperanza de continuar en primeira división, cando faltan de dúas xornadas para o remate do campionato ligueiro.
O equipo balear encóntrase agora a tres puntos do Deportivo, que marca a salvación.
Iso si, en teoría son catro, porque os coruñeses superan o Mallorca no 'goal average'.
Por outra parte, cabe a posibilidade de que haxa dobres ou triplos empates ao final do campionato, polo que a presenza do equipo mallorquino na loita por evitar o descenso podería ser máis importante do que semella nun primeiro momento.
E a vitoria de onte do Mallorca tamén despraza o Celta á última posición da táboa. ler máis

Detido en Vigo por violencia de xénero

21/05/2013 11:07

En Vigo, a Policía Local detivo un home de 39 anos acusado dun delito de violencia de xénero.
O home, natural de Guipúscoa, ameazou a súa muller e as fillas dela, despois de manter unha discusión no domicilio familiar.
Discusión que comezara o luns e continuou esta noite. ler máis

Morenés visita a capela ardente dos militares falecidos en Almería

21/05/2013 10:30

O ministro de Defensa, Pedro Morenés, visita hoxe a capela ardente dos tres militares falecidos na base da Lexión de Viator, en Almería.
Mentres, continúan as investigacións para coñecer as causas da explosión en que morreron estes expertos artificeiros.
Trátase dos brigadas Antonio Navarro, de 46 anos, e Manuel Velasco, de 42, e do sarxento José Francisco Prieto, de 33, todos eles con ampla experiencia en conflitos internacionais.
As primeiras investigacións, que leva a cabo a Garda Civil, apuntan a que a explosión se produciu tras a manipulación dun morteiro.
Fontes familiares aseguran que foi durante un curso de desactivación de explosivos.
En calquera caso, o sinistro tivo lugar nos locais da Unidade de Zapadores do cuartel da Lexión en Viator e polo de agora descoñécense as causas exactas da deflagración. ler máis

Ferida unha rapaza nun accidente

21/05/2013 10:29

En Val do Dubra, na Coruña, unha muller quedou ferida nun accidente de tráfico ocorrido esta mañá.
A moza, de 26 anos, viaxaba nun coche que saíu da vía e envorcou.
Os bombeiros de Santa Comba sacaron a rapaza, que quedara atrapada no vehículo ao non poder soltar o cinto.
Aínda no capítulo de sucesos, na localidade coruñesa de Arteixo, a Garda Civil detivo un home acusado de roubar chatarra metálica nunha nave industrial. ler máis

O director da Axencia Galega de Calidade Universitaria destaca que a crise afecta menos os titulados universitarios

21/05/2013 10:19

O director da Axencia Galega de Calidade Universitaria, Eduardo López, incidiu en Os Almorzos de Galicia por Diante en que a crise afecta menos os mozos con estudos universitarios.
Segundo explicou López, arredor do 60 por cento dos titulados universitarios galegos atoparon traballo aos dous anos e medio de acabar os seus estudos.
Así se tira do último estudo da Axencia Galega de Calidade Universitaria correspondente aos estudantes que saíron das universidades galegas en 2009.
López tamén afirmou a formación universitaria en Galicia é competitiva a nivel de España e destacou que os estudantes saen fóra a facer Erasmus, "o nivel do noso estudantado está por riba dos estudantes estranxeiros". Segundo explicou, hai estudos de carácter xeral "onde os españois quedaban moi ben" no que atinxe a "coñecementos" e "peor" en capacidade de traballar en grupo ou ter carácter directivo. ler máis

Lugo foi agraciado cunha quiniela de preto de 390.000 euros

21/05/2013 09:46

A quiniela deixou en Lugo un premio de case 388.000 euros.
Selouse no café bar Mayavi e o boleto conseguiu o pleno ao 15.
O dono do establecemento onde se selou a quiniela asegura que, polo de agora, non pasou ninguén polo local para informar de que fora o agraciado. ler máis