En Serie

Serramoura Serramoura

Capítulo 8: Arma homicida

Pancho, o marido de Raquel, por fin saíu de prisión. Pero o prezo que ten que pagar pola súa liberdade é moi elevado. Agora toda Serramoura coñece o seu escuro pasado, cando traballaba de matón para Santos. Aínda que a máis sorprendida por esta historia semella será a súa propia muller. O prezo da súa liberdade inclúe tamén o asasinato de Diego Bazán. 

Descartado o único sospeitoso oficial, ao xuíz non lle queda máis remedio que reabrir o caso. Unha gran noticia para Marga e Diego, que por fin poden continuar coas súas investigacións de maneira oficial. Pero os sarxentos non acaban de fiarse de Tomás, o seu tenente, xa que a súa relación con Evaristo podería condicionar o seu punto de vista do caso. 

Pola súa parte, Román Fiúza, cuxa coartada non convenceu no seu día os investigadores, volve estar no punto de mira da Garda Civil. Unha nova fronte de batalla para o seu pai, que parece estar moi ocupado ultimamente poñendo orde na súa vida familiar. Unha posible infidelidade da súa muller puxo a Evaristo en alerta. Ata que punto estaría disposta a chegar Gloria para conservar os seus privilexios? 

Pero non é o seu único problema, nin sequera o máis grave, xa que a arma utilizada para matar a Mónica Triáns aparece no soto da súa casa. E, para desgraza de Evaristo, é Álex quen deu con ela. Un descubrimento que ninguén debe coñecer e que obrigará a Evaristo a chegar a extremos que nunca puido imaxinar.