En Serie

Serramoura Serramoura

Capítulo 5: Unha amiga

O achado de Raquel dun teléfono móbil escondido na súa casa supón todo un shock para a irmá de Marga, que ata agora confiara cegamente no seu home. Pero, de quen é ese teléfono, que fai agochado na súa casa e por que soa constantemente? Quizais na memoria do aparato se atope a resposta que bote luz sobre quen está detrás do asasinato de Mónica Triáns e que papel xogou Pancho.

Allea a este descubrimento, a súa filla Álex continúa a súa cruzada particular: conseguir demostrar que Román é o asasino e así liberar o seu pai. Román caeu na trampa e a relación xa é real e perigosa. Ademais, deberán mantela en segredo para evitar que as súas familias compliquen aínda máis a situación.

Outra relación que se estreitou considerablemente é a de Diego e Gloria, pero non ata o punto que comezan a sospeitar algúns veciños de Serramoura. Diego fíxolle un favor á muller de Fiúza e esta devolveullo entregándolle unha copia do último correo electrónico intercambiado entre Román e Mónica. Dentro hai unha nova vía de investigación: unha fotografía furtiva que, levado pola súa obsesión, lle sacou Román a Mónica e onde esta aparece cun home descoñecido que podería ser o seu asasino.

Mentres, chegou a hora de inhumar os restos mortais de Mónica. Sentimentos encontrados aflorarán no momento de organizar a despedida. Marga e Luz encargaranse dos detalles, pero no seu corazón farase patente o desasosego por non saber quen era realmente a súa amiga e quen a matou.