En Serie

Serramoura Serramoura

Ficha

Data de inicio de emisión: 
Outubro 2014
Xénero/s: 
Drama, Policíaco
Director/es: 
Jorge Saavedra, Miguel Conde
Actor/es: 
Antonio Mourelos, Chechu Salgado, Isabel Naveira, Lucía Regueiro, Sheyla Fariña, Sabela Arán, Uxía Blanco, Xosé Barato, Xavier Deive, Miguel Ángel Blanco, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras
Restrición de idade: 
+ 13

Parte do descubrimento nun monte do cadáver dunha moza brutalmente asasinada. A tranquilidade de Serramoura, vese alterada coa chegada dun investigador de métodos agresivos, que para descubrir quén matou a Mónica Triáns deberá lidar cos impenetrables/enigmáticos habitantes desta vila. Todos gardan algún segredo, e tamén algunha razón para cometer ese crime horrendo. Mónica sabía demasiado das loitas polo control da madeira que manteñen os Fiúza e os Soutelo, as familias máis poderosas da vila. Ambientado no mundo da madeira, este thriller rural, que conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior, levará os espectadores por algunhas das paraxes forestais máis belas e tamén máis misteriosas de Galicia.

Unha ollada furtiva. Unha mentira descuberta. Unha razón sen sentido. Unha peza que non cadra. Unha vinganza desmedida. Un carácter enfermizo. Calquera destes eventos pode ser o detonante das grandes traxedias que amosan os titulares de prensa máis sensacionalista. Así o pon de relevo esta serie producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia.

Serramoura, localidade de ficción resultado da unión dalgúns dos recunchos máis belos e inquietantes da provincia da Coruña, é unha desas vilas orgullosas de vivir cara á natureza e de costas ao ritmo acelerado e insensato das cidades. Pero tamén, como en todas as vilas, en Serramoura as portas péchanse e detrás delas ninguén sabe o que pasa. Porque nesta vila tamén hai segredos, mentiras e dor, os elementos esenciais en que se fragua o rancor e a vinganza.
 
Serramoura vive da explotación dos seus recursos madeireiros. Dúas familias, os Soutelo e os Fiúza, loitan polo control do negocio. Este escenario recoñecible vese bruscamente alterado ao aparecer morta, brutalmente asasinada, unha das súas veciñas. Para resolver o caso, a Comandancia da Garda Civil desprazará á vila a Diego (Miguel Ángel Blanco), sarxento especializado en homicidios, visceral e instintivo, que se unirá á sarxento Marga (Lucía Regueiro), membro da Unidade de Investigación de Serramoura, extremadamente ordenada, metódica e analítica. Estas dúas personalidades tan distintas estarán obrigadas a entenderse e acabarán formando unha peculiar pero moi eficaz parella profesional e pode que co tempo algo máis.

A historia irá desvelando episodio a episodio os segredos, as miserias e os conflitos desta pequena vila galega mentres os dous gardas civís resolven os crimes e os delitos que se cometen nun lugar tan recoñecible como inquietante. Así, a investigación servirá en realidade para desvelar un segredo agochado na tranquila vida de Serramoura.