En Serie

Matalobos Matalobos

Capítulo 66: Os tempos están cambiando

Será verdade que os tempos están cambiando? É a pregunta que se están a facer os clans que habitan na Sardiñeira, onde os personaxes de “Matalobos” se senten atrapados polo novo escenario de poder e polos novos métodos de traballo que introduciu o desconcertante Aníbal, alguén que sabe dominar todas as frontes e os fíos que debe mover con cada quen. O primeiro en ser consciente deste cambio de tempos e de estratexia é Carmelo Matalobos, que se reúne cos seus mandos e con Vanesa para deixarlles claro que “todo forma parte dun gran negocio global, sen fronteiras”, e que o único que queda é sobrevivir. Amais, chega ao cuartel Ernesto Ferreiro para substituír no seu posto o capitán Táboas, que deixa o cargo momentaneamente. A única que parece manter esperanzas é a tenente Seixas, moi centrada no seu embarazo.

En vista de que ninguén ve futuro para os actuais clans, Matalobos e Veloso, a loita polo poder está centralizada en Aníbal, que só se reúne con Vanesa, para facerlle saber que ninguén pode fuxir do seu xogo. Neste contexto, Carmelo vese obrigado a roubar unha gran cantidade de explosivos que nin el mesmo coñece a súa finalidade e isto non lle gusta nada. Mentres, na residencia onde está internada a nai de Carmelo, dona Carme recibe a noticia do enterro de Marcos e ao mesmo tempo comeza a pensar nalgún tipo de vinganza polo trato que lle deron os fillos, xa que os síntomas do Alzhéimer non son tan graves como ela amosa.