En Serie

Matalobos Matalobos

Capítulo 73: O obxectivo

Irene Sampedro refúxiase na casa dos Matalobos, tras a morte de Zico. A axente da Garda Civil, cuxo nome real é Alba Varela, sospeita que Carmelo lle oculta certa información e el non o nega; á fin e ao cabo, non se lle coñece pola súa transparencia.... As cousas están a complicarse demasiado e Irene debería abandonar A Sardiñeira, pero ten demasiadas razóns para non facelo; unha delas, o propio Carmelo.

Táboas e Carmelo cítanse unha vez máis. A información sobre Guzmán resultou ser certa e a colaboración entre o líder dos Matalobos e a Garda Civil debe continuar.

Mentres, nos clans da Sardiñeira, as cousas están a complicarse. Os homes de Carmelo necesitan que o seu xefe nomee o seu segundo, agora que Zico xa non está. Antón aspira a este posto, pero ninguén ao seu redor confía en que sexa a persoa axeitada.

No caso dos Veloso, os seus homes no porto esixen mellorar a súa remuneración, agora que a Garda Civil lles pisa os talóns. Vanesa perdeu o respecto dos seus e necesita, máis que nunca, a axuda incondicional do Pincho.

E para complicar aínda máis as cousas, Aníbal móstrase moi descontento co traballo de Carmelo. Non lle gusta como eliminou a Zico, sen antes permitirlle interrogalo. Ademais, hai unha cousa que lle preocupa especialmente: Irene Sampedro está marcada e, con todo, segue viva.