En Serie

Matalobos Matalobos

Capítulo 72: Soltando lastre

O novo e maior inimigo da Sardiñeira, Aníbal, ten tanta ousadía que é capaz de presentarse diante de toda a cúpula da Comandancia da Garda Civil coa identidade de ser un comisario da Interpol de apelido Guzmán, pero soamente Carmelo sabe do seu engano, xa que o identificou revisando algúns dos informes que lle amosou a sarxento infiltrada, Irene Varela, que segue coa misión de poñerlle cara ao home máis buscado. O caso é que o Matalobos, que se sente atraído pola infiltrada, prefire ir contarllo ao capitán Táboas, que sorprendentemente non o vai crer.

O que ninguén sabe a estas alturas é que o obxectivo de Aníbal é, non tanto atentar no cumio de seguridade, como ir contra Ferreiro, o novo capitán da Sardiñeira e o único home que, en varias ocasións, estivo a piques de acabar coa súa carreira. Agora Guzmán – Aníbal está oficialmente na Sardiñeira para facerse cargo da seguridade deste evento, sen que Ferreiro saiba o cerca que está do seu inimigo. Pola contra, a que si está comezando a atar algúns cabos soltos é a tenente Seixas.

Seguro como está Carmelo de estar vivindo a fin dos clans e de toda unha etapa na vila da Sardiñeira, intenta protexer a súa seguridade e a da sarxento infiltrada, fronte á súa propia man dereita, Zico, cada vez máis distanciado do seu xefe.