En Serie

Matalobos Matalobos

Capítulo 32: Principios e finais

Empurrado polas circunstancias adversas, e despois de que os homes de Adriana queimasen as súas planadoras, o clan dos Matalobos ten que apostar pola renovación se quere sobrevivir, o cal supón tomar decisións arriscadas. Así, Carmelo vese na obriga de entrar no negocio do haxix, pero non como antes como simple transportista, senón que agora, aliado a Xulio Barreiro como novo provedor, pretende facerse cun negocio de compravenda e mercar a carga antes de transportala para despois revenderlla ao dono orixinal, xa no lugar do destino. Pero Barreiro pon como condición un aval e o único ben dos Matalobos capaz de facerlle fronte é a conserveira da familia. Coa garda civil pisándolle os talóns, o xefe dos Matalobos terá que atopar un método de transporte que pase inadvertido.

Noutros escenarios, os cambios non se limitan aos negocios de Carmelo, xa que as últimas traxedias relacionadas co consumo de droga axitan os cimentos da Sardiñeira, onde algúns veciños, asesorados pola avogada Sara Campos, constitúen unha asociación , "Nais da Sardiñeira contra a droga", disposta a enfrontarse aos todopoderosos narcotraficantes.

Pero os problemas máis serios dos Matalobos proveñen da súa casa, xa que a reaparición de Bárbara na vida de Carmelo se converte nunha declaración de guerra porque está decidida a pelexar no divorcio por todas e cada unha das posesións da súa antiga familia.