San Xoán (A Coruña)

Publicado o 14/02/2011 09:34

O día 23 de xuño a cidade da Coruña quece motores para vivir unha das noites máis máxicas e especiais do ano: a noite de San Xoán.

O día 23 de xuño a cidade da Coruña quece motores para vivir unha das noites máis máxicas e especiais do ano: a noite de San Xoán.

Preto de cen mil persoas reúnense cada ano na cidade herculina para cumprir cos rituais da noite máis curta do ano. As mareas de xente que enche as rúas da Coruña acoden a atoparse coas mareas do Atlántico coruñés, nalgunhas praias como a de Riazor ou a do Orzán. Alí, centos de cacharelas coas que se pretende queimar todos os malos espíritos iluminan a chegada do solsticio de verán.

O programa das festas de San Xoán ábrese cara a finais de maio cun amplo abano de actividades culturais, sociais e deportivas. Pero é a noite do 23 ao 24 de xuño cando a celebración acada o seu punto álxido coa “Noite da queima”.

Desde a mañá, bandas de música, xigantes e cabezudos percorren as principais rúas da cidade para trasladarse posteriormente á praza de María Pita, onde se presenta a ofrenda a San Xoán. Esta homenaxe corre a cargo das meigas maior e maior infantil, acompañadas das meigas de honra, as que percorren a arteria da cidade avistando un horizonte vermello e amarelo de centos de lumaradas arredor da gran fogueira. O seu desfile polo Paseo Marítimo, acompañadas da música de bandas e grupos folclóricos, conducen a unha noite en que as sardiñas dan o toque de sabor imprescindible nesta cita.

A cidade da Coruña revive cada ano con máis intensidade unha tradición que cumpre este ano as súas vodas de ouro. Se ben cambiou a súa localización principal ao longo da historia, a súa esencia non muda e son cada vez máis os que se achegan a vivir a noite máis máxica do ano nos areais das praias da cidade.

O San Xoán coruñés foi declarado “Festa de Galicia de Interese Turístico” polo Consello da Xunta de Galicia e  “Festa de Interese Turístico Nacional” o 30 de xuño de 2003 pola Secretaría Xeral de Turismo do Ministerio de Economía.

 

 

 

Compartir en Facebook
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí