Romaría da Virxe da Franqueira na Cañiza, en "Vivir Aquí"

Publicado o 03/06/2012 13:21

O equipo de “Vivir Aquí” vive nesta edición unha tradición que se produce todas as primaveras e desde hai máis de 800 anos, no santuario da Franqueira, onde se celebra unha das máis extraordinarias romarías galegas, con milleiros de persoas que se achegan para honrar a “Santa”.

Os reporteiros, a pé de terra, levannos polos camiños que guían aos peregrinos, moito antes de que saia o sol,  ata o lugar do santuario, portando canda eles as imaxes das súas parroquias, as “santiñas”, que poden chegar a ser incluso setenta. Así, podemos coñecer o momento clave da cerimonia, o “saúdo”, un rito complexo que se transmite de pais a fillos, e os peregrinos da parroquia de Achas, na Cañiza, que teñen o privilexio de seren os que primeiro fan o “saúdo” á Virxe.

Coñecemos algúns dos motivos que levan a tanta xente ata o santuario, case tantos como peregrinos se achegan ata aló, penitentes descalzos, caras chorosas que van facer os seus pedimentos, romeiros máis preocupados por gardar sitio para xantar que polas celebracións litúrxicas e de todo. A xornada remata coas despedidas cantadas á Virxe, onde teñen un protagonismo especial os fieis de Mondariz Balneario, xa que o autor das súas coplas foi nin máis nin menos que Ramón Cabanillas. 

Compartir en Facebook
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí