Festa da lagosta e da cociña mariñeira (A Guarda)

Publicado o 25/01/2011 14:47

A Guarda, coñecida como a capital da lagosta, exalta este produto cada primeira fin de semana de xullo desde 1991.

A Guarda, coñecida como a capital da lagosta, exalta este produto cada primeira fin de semana de xullo desde 1991.

A abundancia da lagosta na costa que baña A Guarda fixo que a vila lle rendese unha homenaxe a este crustáceo, un prato imprescindible nas súas casas e restaurantes. O peirao guardés déixase envolver polo recendo non só da lagosta senón dos mariscos máis apreciados das nosas rías, como poden ser os percebes, as zamburiñas, as vieiras ou as nécoras. A variedade de pratos fixo que esta celebración tivese en conta tamén as demais xoias do noso marisco e por iso desde 2007, a cita coñécese como “Festa da lagosta e da cociña mariñeira”.

Mais para aqueles que non sucumben ao sabor delicioso do marisco, non falta a carne, a empanada ou o polbo e as tradicionais sobremesas como a rosca de xema. O porto da Guarda, onde se colocan os postos dos restaurantes e a carpa para os comensais, convértese así nun escenario como poucos para degustar a nosa gastronomía máis tradicional.

A estes manxares suculentos acompáñalles unha ampla programación festiva que acolle desde concertos, actividades culturais ou obradoiros infantís ata a Feira de artesanía. O ambiente de festa esténdese por toda a vila grazas aos pasacalles que ofrecen o seu mellor repertorio polas rúas da vila, desde primeiras horas da mañá. Grupos musicais e orquestras fan bailar á vila e axudan a baixar, sen dúbida, os preto de seiscentos quilos de lagosta que se degustan durante a festa.

Compartir en Facebook
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí