CRTVG

Buscar

Especiais

Valentín Paz Andrade nace en Lérez (Pontevedra) o 23 de abril de 1898. Fillo de Francisco Paz Cochón, concelleiro do concello de Pontevedra, e de Matilde Andrade Tojeiro, estuda bacharelato en Pontevedra e posteriormente licénciase en Dereito (1921) na Universidade de Santiago de Compostela.

Foi seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, quen esperta os intereses pola literatura a Valentín Paz Andrade; tamén foi el quen lle presentou a Alfonso Rodríguez Castelao, un dos intelectuais que máis influíu na súa obra.

En 1919, cando estudaba Dereito en Santiago de Compostela, forma parte do movemento “galeguista”,  participa na II Asemblea Nacionalista e colabora co xornal “Gaceta de Galicia”.

Entre 1922 e 1926, Paz Andrade  foi o director do xornal galeguista “Galicia”, en que  colaboraron Castelao, Risco, Maside e Villar Ponte. En 1924 condénano a un mes de cárcere polo carácter dos seus artigos;  por último,  a ditadura de primo de Rivera clausura “Galicia”. En 1930 preside o Grupo Autonomista Gallego, que posteriormente se integra no Partido Galeguista  e do que en 1934 sería secretario xeral.

En 1931, Valentín Paz Andrade foi candidato  ás Cortes Constituíntes polo partido Galeguista canda  Castelao e Ramón Cabanillas, sen éxito. Colaborou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia presentado  polo Seminario de Estudios Galegos. Ao mesmo tempo publica diversos artigos políticos en “El Pueblo Gallego”.

Cando comeza a Guerra Civil, axuda a fuxir a varios intelectuais galeguista e defende a outros das condenas que lles impuxeron. Logo sería el o desterrado a Verín, Castro Caldelas, a Pobra de Trives e Villanueva de la Serena (Badaxoz).

En 1939 casou con Pilar Rodríguez de Prada, coa que tería un fillo, Alfonso Paz-Andrade. En 1942 empezou a dirixir a revista “Industrias Pesqueras” e en 1950 foi a Bos Aires convidado polo Centro Galego. Nesa época seguiu colaborando en “El Pueblo Gallego” e  publicou diversos artigos en “Faro de Vigo” e “La Noche”, asinado con los pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro. A partir de 1945 organizou o faladoiro do café Alameda de Vigo, onde se reunía con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego, e os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros.

En 1957 viaxou a Bos Aires convidado polo Centro Gallego para dar o discurso inaugural dos actos de celebración do 50 aniversario do Centro.

A principios da década dos 50, Paz Andrade traballou como técnico da FAO; con esta organización traballou en diversos congresos e seminarios e para a FAO publicou o primeiro tratado sobre “Principios de economía pesqueira” en 1954. Paz Andrade tamén foi o primeiro especialista español proposto pola FAO para misións internacionais en Hispanoamérica.

Daquela , Paz Andrade era un avogado de prestixio en Vigo e ao mesmo tempo foi un dos impulsores do grupo industrial Pescanova, a quen converteu na primeira compañía armadora europea de buques conxeladores e da que foi vicepresidente en 1960.
En 1964, Valentín Paz Andrade foi nomeado membro da Real Academia Galega co discurso titulado “A Galeguidade na obra de Guimaraes Rosa”.

Logo da morte de Franco, formou parte da “Comisión dos 10”, da “Xunta Democrática” e da “Plataforma de Organizacións Democráticas” e foi elixido senador por Pontevedra nas eleccións de 1977 pola Candidatura Democrática Gallega.

Ao longo da súa vida, Valentín Paz Andrade dedicouse ao ensaio, á poesía (formaba parte da xeración de 1925) e á narrativa e a cotío realizaba artigos xornalísticos para diversos medios de comunicación: colaborou para “O Ensino”, “Grial” e “Outeiro”  con artigos sobre literatura, especialmente sobre a figura de Castelao; e en “Industrias Conserveras”, “El País” e “La Vanguardia” con artigos económicos e políticos.

Entre os premios e distincións recibidos cabe salientar:

  • Membro da Real Academia Galega (1964)
  • Membro da Academia Galega das Ciencias (1985)
  • Premio Pedrón de Ouro 81975)
  • Medalla da Cidade de Pontevedra( 1979)
  • Medalla Castelao (1984)
  • Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (1986)
  • Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986)

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí