CRTVG

Buscar

Especiais

O rei don Xoán Carlos, Medalla de Ouro de Galicia 1985

08/05/2013

Nesta edición do programa Galegos de honra dedicado ao rei don Xoán Carlos faise un percorrido pola súa biografía e a súa relación con Galicia, coa colaboración dun político e un analista de excepción, o presidente do Goberno español de 1981 a 1982 Leopoldo Calvo-Sotelo.

Don Xoán Carlos naceu en Roma, a súa infancia transcorreu na capital italiana, na cidade suíza de Lausana e na portuguesa de Estoril. Seus pais, don Xoán de Borbón e dona María das Mercedes de Borbón e Orleáns, no seu desexo de que o seu fillo fose educado en España, chegaron a un acordo co xeneral Franco, chegando por primeira vez a España en 1948.

En 1969 don Xoán Carlos foi designado polo xeneral Franco o seu sucesor cono xefe do Estado co título de Rei. Á morte de Franco en 1975, é nomeado Rei de España polas Cortes (22 de novembro) e en exercicio das súas funcións inicia o proceso de restauración da democracia en España, proceso que culmina coa aprobación da Constitución en 1978.

Leopoldo Calvo-Sotelo valora o papel do Rei na transición, especialmente durante o intento de golpe de estado. O ex-presidente do Goberno sinala que don Xoán Carlos recuperou os poderes que previamente lles cedera ás institucións democráticas, para exercelos "con especial prudencia e autoridade". Aquela noite gañouse o trono, asegura Calvo-Sotelo, como se gañaba na época medieval, porque antes só o gañara por herdanza.

Os analistas políticos avalían especialmente de forma positiva a apertura internacional, a convicción de que España debía integrarse en Europa e mirar cara Latinoamerica, que o Rei defendeu e impulsou.

A súa relación co mar, tanto desde o punto de vista militar como deportivo, é moi destacada con relación a Galicia. Durante a ofrenda ao Apóstolo o 25 de xullo de 1999 dirixiuse ao Apóstolo en lingua galega, nun discurso moi emotivo, con referencias á emigración e á cultura.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí