CRTVG

Buscar

Especiais

Manuel Fraga Iribarne (Lugo, 1922). Biografía

09/01/2012


Manuel Fraga Iribarne naceu en Vilalba (Lugo) o 23 de novembro de 1922. Aprendeu francés desde neno de súa nai que era vasco-francesa. Seu pai foi alcalde de Vilalba durante o mandato de Primo de Rivera.

Manuel Fraga é pai de 5 fillos e estivo casado con María del Carmen Estévez, falecida o 23 de febreiro de 1996.

Doutor en Dereito, Ciencias Políticas e Economía, Fraga ingresou no corpo de letrados das Cortes en 1945 e  iniciou a carreira de diplomático en 1947.

Catedrático de Dereito Político desde 1948 en Valencia, obtivo a praza de Teoría do Estado e Dereito Constitucional da Universidade Complutense de Madrid en 1953. Conxugou a docencia con cargos políticos ata 1987, ano en que se xubila como profesor.

Manuel Fraga afiliouse moi novo á Falange Española de las JONS  e exerce cargos políticos importantes en distintos órganos do Estado desde 1951; ano en que foi designado secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica. En 1953 foi nomeado secretario  xeral técnico do Consello de Educación en 1955.

O 10 de xullo de 1962, Fraga foi nomeado Ministro de Información e Turismo. Os seus principias logros á fronte do Ministerio foron potenciar o turismo e a rede de Paradores Nacionais e a Lei de Prensa e Imprenta, coñecida como “Lei Fraga”, que relaxaba a lei anterior do ano 1938 eliminando a censura previa.

En 1973, Manuel Fraga é nomeado Embaixador de España no Reino Unido, cargo que ocupou durante dous anos. En 1975, tras a morte de Franco, Fraga regresa a España e o presidente Carlos Arias Navarro noméao vicepresidente e ministro de Gobernación.

En 1976  organiza o partido Reforma Democrática que está integrado principalmente por políticos activos do réxime de Franco proclives a unha apertura, fronte a posturas contrarias á reforma como Blas Piñar.

En 1977, canda outros seis ex ministros de Franco, funda Alianza Popular; partido polo que se presenta como candidato á presidencia do goberno nas primeiras eleccións democráticas, en xuño dese ano.

Durante 1977 e 1978 colabora na redacción da Constitución Española; forma parte do relatorio en representación  de AP, canda aos centristas Cisneros, Pérez Llorca e Herrero de Miñón, o socialista Peces-Barba , o comunista Solé Tura e o nacionalista catalán Miguel Roca.

O 23 de febreiro de 1981, Manuel Fraga estaba no Congreso cando se produciu o intento de golpe de Estado, coñecido como o 23-F. Fraga enfróntase aos golpistas e dilles que ou o deixan saír a el a todos os deputados ou que lles disparasen.

En 1986 dimite como presidente de Alianza Popular e retírase temporalmente da política. Á fronte de AP queda Miguel Herrero de Miñón.

En 1987, Manuel Fraga volve á política  encabezando a candidatura dos populares ao Parlamento Europeo.

En 1989 celébrase o congreso de refundación de Alianza Popular e pasa a ser un partido único denominado Partido Popular; un partido que se define como centristas, liberal, democristián e conservador.

Manuel Fraga decide regresar a Galicia e presentarse ás eleccións ao Parlamento e a finais de 1989 convértese en Presidente da Xunta por maioría absoluta. Fraga gaña por maioría absoluta catro lexislaturas e mantense á fronte da Xunta durante 15 anos, ata o ano 2005; ano en que gaña as eleccións pero por maioría simple. A coalición PsdeG e BNG priva a Fraga da presidencia.

Fraga é o líder da oposición no Parlamento ata que no ano 2006 foi elixido senador con 74 votos dos 75 que conforman o parlamento autonómico. En marzo de 2008 volve ser designado senador autonómico por Galicia, esta vez cos votos do BNG e  do PSdG, porque o PP optou por absterse na votación.

Ao longo da súa vida, Manuel Fraga escribiu 87 libros, todos eles sobre
teoría política e dereito constitucional.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí