CRTVG

Buscar

Especiais

Calquer día sen darte conta do que fas dis: ¡Pase miña dona¡
e é a tua alma a quen despides coma a un ave
nunha maña de primavera ou nun atardecer de outono.
                              De “ Herba aquí ou acolá “, 1980

Álvaro Cunqueiro publicou estes versos apenas un ano antes de morrer nun día de febreiro de 1981 cando tiña 70 anos intensamente vividos e entregados á literatura e ao xornalismo.

Este ano, 2011, o poeta, escritor, xornalista e gastrónomo de Mondoñedo cumpriría 100 anos, exactamente o 22 de decembro.

O Consello da Cultura Galega decidiu conmemorar o seu centenario durante case doce meses con exposicións itinerantes, polas principais vilas galegas, con actos literarios e conferencias e un congreso internacional.

Saíron  tamén a luz  documentais, ensaios, estudos, noticias, aproximacións á obra cunqueiriana, a Televisión de Galicia participa nunca tv movie baseada na súa historia "Se o vello Sinbad volvese as illas".

Álvaro Cunqueiro naceu en Mondoñedo e estudou o bacharelato en Lugo onde coñeceu a un dos seus mellores  amigos de mocidade, Ánxel Fole. Intentou estudar Filosofía en Santiago pero deseguida deixou a carreira para dedicarse ao xornalismo. Colaborou en numerosas publicacións galegas e frecuentou os faladoiros e a amizade dos artistas e intelectuais máis recoñecidos dos anos trinta en Galicia, como García Sabell, Fernández del Riego, Torrente Ballester ou  Carlos Maside.

Foi un dos primeiros membros do Partido Galeguista. Durante a Guerra Civil militou na Falanxe Española e tras a contenda traballou en diversas publicacións franquistas en Madrid. En 1946, tres anos despois de abandonar a Falanxe regresa a Galicia e comeza a colaborar nos principais xornais galegos, El Progreso, La Voz de Galicia, La Región e no Faro de Vigo onde chegaría a ser director.

Personalidade contraditoria, escribiu toda a súa obra en galego antes da Guerra Civil e despois alternou o galego co castelán. Acusado ás veces de escritor escapista a Cunqueiro non lle importaba se o que contaba era verdade ou mentira, a fábula, a maxia, a lenda son o substrato da súa literatura.

Nos  seus mellores relatos, os escenarios son case sempre as Terras de Miranda, Mondoñedo e as vilas próximas, os lugares onde viviu e paseou. As terras que van do río Miño ao Eo, unha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia. De aí do máis próximo xorde a súa radical universalidade.

A repercusión internacional de Cunqueiro era xa tema de tese en universidades de Italia e Inglaterra nos anos 70. Eran estudosos fascinados coa súa capacidade de contar a realidade desde a fantasía, soñar, crear, inventar mitos na vida cotiá.

Na  galega selva de Esmelle conviven sen problemas aparentes o Mago Merlín e a raíña Xenebra. Tristán e Isolda coñécense nunha estación de tren, ela é unha churreira, que agardou toda a vida por coñecer un home chamado Tristán. Xa é tarde, ela é vella e Tristán un rapazolo pero a Isolda de Cunqueiro pode ao fin regalarlle uns churros.

Cada personaxe é individual, os seus heroes nunca son masa, son un grupo infinito de individualidades.

A súa literatura está chea de claves para transcender a sordidez da vida cotiá, coa súa capacidade de fabulación Álvaro Cunqueiro e quen de pór orde nun mundo sen límites.

Todo na súa escrita, poemas, artigos, narracións é actual. Ese é o motivo de celebrar o seu  centenario e unha oportunidade máis para volver lelo.

Abrir un dos seus libros e mergullarse  nas vidas de seres que ás veces non teñen resposta.

Sabes o que se preguntan os fantasmas cando se atopan?
Pregúntanse: Como podemos existir ou non existir ao mesmo tempo?
"O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca" 1958

O gran fabulador do país está soterrado en Mondoñedo, el escolleu o seu epitafio:

"Eiquí xaz alguén, que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis"