CRTVG

Buscar

Especiais

 

Isaac Díaz Pardo naceu o 22 de agosto de 1920 na casa da Tumbona, na rúa das Hortas de Santiago de Compostela.

Intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario, Díaz Pardo tivo unha educación multidisciplinar e moi marcada polo contacto que mantivo cos máis importantes galeguistas que durante a súa infancia frecuentaban o taller de seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Valiño. Seu pai era un membro activo das Irmandades da Fala que morreu fusilado en 1936, pero ata ese momento polo seu taller pasaron amigos da talla de Otero Pedrayo, Castelao, Cabanillas, Risco, Asorey, Blanco Amor e Antón e Ramón Vilar Ponte, entre outros.

Cando seu pai foi asasinado polos sublevados ao pouco de comezar a Guerra Civil, Isaac Díaz Pardo estudaba bacharelato e pretendía estudar Arquitectura. Os acontecementos racharon os seus soños e para salvar a vida tivo que esconderse na casa de seu tío Indalecio e despois traballar como rotulista nunha  empresa de pintura industrial da Coruña.

Ao rematar a Guerra, consegue unha bolsa da Deputación da Coruña coa que puido estudar na Real Academia de  Bellas Artes de San Fernando en Madrid, entre 1939 e 1942, e complementa a súa información cunha viaxe a Italia ao rematar a carreira.

Ao regreso de Italia,  logra unha praza de profesor auxiliar de debuxo na Escola Superior de Bellas Artes de San Jordi de Barcelona e comeza a expoñer nas principais cidades españolas.

No ano 1948, abandona as artes plásticas e comeza a súa obra de ceramista montando unha planta industrial no Castro de Samoedo, preto de Sada. Alí, ensaiando con materias primas utilizadas no antigo Sargadelos, produce unha porcelana de excelente calidade.

En  1955 viaxa por primera vez á Arxentina, onde coñece os intelectuais galegos exiliados. Será alí onde inicia outra experiencia industrial de cerámica: La Magdalena. Co apoio de Luís Seoane e outros intelectuais galegos exiliados crea o Laboratorio de Formas  na Magdalena, a uns 100 quilómetros de Bos Aires, e proxecta unha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia que anos máis tarde podería converter en realidade, como a restauración de Sargadelos o seu Seminario de Investigación, o Museo Carlos Maside, Edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, o Laboratorio de Industria e Comunicación  ou o Instituto Galego de Información.

No eido literario, Díaz Pardo non se limitou a manter unha editorial. Díaz Pardo tamén era un escritor que cultivou  diferentes xéneros: teatro, crítica, ensaio ou cartaces de cegos, sen esquecer unha continua presenza nos medios de comunicación a través de colaboracións con diferentes xornais para os que elaboraba artigos de opinión.

Entre a súa produción literaria habería que destacar entre outros libros: Xente do meu rueiro, Bos Aires 1954, Midas. O ángulo de pedra, Bos Aires; El ceramista Arranz y su escuela, A Coruña, 1960; Galicia Hoy, en colaboración con Luís Seoane, París, 1965; Paco Pixiñas, en colaboración con Celso Emilio Ferreiro, cartel de cego, A Coruña, 1970; A Nave espacial, cartel de cego, A Coruña, 1970; El Marqués de Sargadelos, cartel de cego, A Coruña, 1970; Castelao, cartel de cego, A Coruña, 1985; Galicia hoy y el resto del mundo, A Coruña, 1987, ademais de diversos traballos xornalísticos, principalmente de historia contemporánea.

En 2009, recibiu a “Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes de España”. Este non foi o único galardón; a súa longa, frutífera e variada creación levouno a recibir moitas distincións e recoñecementos: Pedrón de Ouro (1976), Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), Premio Otero Pedrayo das Deputacións Provinciais (1990), Insignia de Ouro (1991) e Doutor Honoris Causa (1992) pola Universidade de Santiago de Compostela, Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1993), Vieira de Prata do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (1995), Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña (2007), entre outros moitos.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí