CRTVG

Buscar

Especiais

Galicia está en Polonia?

25/07/2000

Cando cheguei á TVG en xuño de 1985, fun un dos pioneiros, aínda non estaban acabados os estudios de gravación e faciamos prácticas de presentación e gravación no garaxe, coa axuda dunha Unidade Móbil.

Tamén recordo a primeira transmisión deportiva internacional da TVG, era un partido de fútbol Young Boys, de Suíza, contra o Real Madrid. O enxeñeiro xefe, Xavier Alcalá solicitou aos encargados do sinal de satélite en Londres, que a enviasen a Galicia. E eles aseguraban que a enviaban, pero en Santiago non se recibía o partido.

Houbo chamadas de espectadores indignados porque non eramos quen de dar o partido do Madrid que tanto tiñamos anunciado. Despois de mover parábolas e asegurarse de que o erro non era noso, o enxeñeiro falou telefonicamente con Londres. Por fin descubrimos o que estaba pasando. Eles enviaban o sinal a Galicia, pero á Galitzia polaca, rexión histórica que xa non existe como tal. Cando cambiaron o sinal soamente faltaban doce ou quince minutos para que acabase o partido.

Finalmente conectamos, mais que nada para facerlles ver aos espectadores que si tiñamos o sinal do partido, que o erro non era noso. Despois, co paso do tempo, non houbo dúbida de que eramos quen de transmitir calquera acontecemento deportivo internacional,viñese de onde viñese. Porque os do "satélite" souberon finalmente que existía unha Televisión de Galicia que estaba á beira do Atlántico.

Xosé Durán, Xornalista de TVG

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí