Especiais
Eugenio Fernández Granell nace na Coruña o 28 de novembro de 1912. Fixo bacharelato en Santiago de Compostela e estudou música con Manuel Valverde. En 1928, con 16 anos, trasládase a Madrid, subvencionado pola Deputación da Coruña, para continuar os estudos de violín na Escola Superior de Música, onde foi discípulo Antonio Fernández Bordas e Conrado do Campo.
En Madrid, Granell coincide co compositor Enrique Chapí , o que contribúe ao enriquecemento dos seus coñecementos musicais, e con quen compartiría exilio en Santo Domingo.
En Madrid, Granell entra en contacto con intelectuais da esquerda e participa nos faladoiros literarios onde coincide cos irmáns Dieste, Maruja Mallo e Lugrís, entre outros. Os ambientes que frecuenta van exercer en Eugenio Granell unha influencia fundamental, tanto no seu desenvolvemento vital coma na súa proxección na pintura.
En 1939, ao final da Guerra Civil e tras a derrota do exército republicano, de que formaba parte, Eugenio F. Granell exíliase. Vive primeiro en Francia e posteriormente na República Dominicana, onde coñece a André Bretón e comeza a pintar en 1941. En 1943 participa na primeira exposición colectiva e posteriormente, en 1947, participa na exposición surrealista da galería Maeght de París, organizada por André Breton e Marcel Duchamp.
Foi nesta época cando Granell definiu o seu estilo pictórico e a atmosfera que sempre envolvería as súas obras. Unha atmosfera xurdida do contacto coa natureza e o simbolismo caribeño. As relixións e rituais das illas Antillas foron para el fonte permanente de inspiración do seu universo plástico.
Anos máis tarde residiría en Guatemala, Porto Rico, Os Ánxeles (California) e Nova York. Granell viviu na cidade dos rañaceos entre 1957 e 1985, e alí doutorouse en Socioloxía e Antropoloxía na New School for Social Research, coa tese titulada “O Guernica de Picaso. O final dunha era española”. En Nova York, exerce de profesor de literatura española no Brooklyn College e continúa pintando e exhibindo as súas obras en exposicións colectivas internacionais.
Na etapa americana, amais de dar clase en diferentes universidades, colabora en revistas de Europa e América como escritor e ilustrador. Publica libros de ensaios , novelas, contos e poesía: A novela de “O Indio Tupinamba”, que retrata a guerra civil española vista desde un prisma surrealista; os ensaios “Artes y Artistas en Guatemala” ou “La Leyenda de Lorca”; os contos “Federica no era tonta” e “El Clavo”, entre outros e o libro de poemas “Estela e presagios”.
A primeira exposición de Eugenio Granell en España sería no ano 1964 na sala Neblí de Madrid. Desde aquela visitaba ocasionalmente España ata que en 1985 regresa a España e instálase en Madrid. Un ano despois da súa chegada, en 1986 a Coruña expuxo a primeira retrospectiva da súa obra no Kiosko Alfonso.
En 1995, en vida do artista, inaugurouse en Santiago de Compostela a Fundación Eugenio Granell, que patrocinan o Concello e o Consorcio de Santiago. A Fundación está composta por tres coleccións: a obra de Granell, unha colección de arte surrealista e outra de arte étnica, ambas as dúas propiedade do artista.
En 1997, Granell é homenaxeado en Santiago de Compostela co título de Fillo Adoptivo e Medalla de Outro ao Mérito Cultural. En 1998 é a Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario a que o nomea Membro de Honra e en outubro do ano 2000 o Círculo de Belas Artes de Madrid concédelle a Medalla de Ouro.
Eugenio Fernández Granell morre o 25 de outubro de 2001. A Xunta de Galicia concédelle a Medalla de Ouro a título póstumo.