CRTVG

Buscar

Especiais

Santiago Carrillo Solares (1915-2012)

Santiago Carrillo Solares  naceu en Xixón, Asturias, o 18 xaneiro de 1915. Viviu a súa primeira infancia en Asturias  ata que seu pai, Wenceslao Carrillo, obreiro fundidor e militante do PSOE e da UXT, se converte en 1924 en dirixente das dúas organizacións e a familia se ten que trasladar a Madrid.

A familia Carrillo instálase en Madrid no barrio de Catro Camiños, onde viven con dificultades económicas xa que as asignacións das dúas organizacións cobren malamente as necesidades dunha familia con cinco fillos.

Santiago Carrillo  ingresa no Grupo Escolar Cervantes, localizado no seu barrio, dependente da Institución Libre de Enseñanza dirixido por Ángel Llorca. Carrillo dixo en moitas ocasións que se educara no mellor colexio de España da época. Foi elixido para cursar o bacharelato, pero a familia non puido custear os dereitos de exame e Santiago Carrillo abandona os estudos e comeza a traballar como aprendiz nunha imprenta. Pouco despois afíliase nas Juventudes Socialistas de España e á UXT.

En 1930, aos 15 anos, comeza a colaborar como xornalista en “El Socialista” e cando se proclama a república en 1931 pasa a encargarse da información parlamentaria. Cometido que tiñan os grandes xornalistas da época que traballaban para outros xornais como Manuel Azaña para “El Sol”, Wenceslao Fernández Flórez para “ABC” ou Víctor de la Serna para “Informaciones”.

En 1933 convértese no director da revista das JJ.SS., “Renovación” e desde onde defende a súa posición revolucionaria e a estende no seo das Xuventudes.

En 1934, Santiago Carrillo é nomeado secretario xeral das Juventudes Socialistas. Daquela, no PSOE existían dúas correntes: un grupo dominante, o dos reformistas, que tiña á fronte a Julián Besteiro e Indalecio Prieto; o outro grupo é o dos revolucionarios que teñen como líder a Largo Caballero. Carrillo comeza a colaborar moi de preto con Largo Caballero.

Toma parte no movemento revolucionario coñecido como “Revolución de 1934”, o que o levará ao cárcere canda Largo Caballero, o seu propio pai e outros dirixentes socialistas. Durante o cativerio distánciase de Largo Caballero por considerar moderada a súa postura.

Santiago Carrillo sae do cárcere logo da vitoria da “Fronte Popular” o 16 de febreiro de 1936 e viaxa a  Rusia. Ao  regreso  promove a unificación das organizacións xuvenís socialista e comunista e xorden as Juventudes Socialistas Unificadas (JSU).

Santiago Carrillo está en París cando se sublevan os militares o 18 de xullo de 1936. Regresa a España cruzando a fronteira por Irún e incorpórase ao exército republicano que intenta avanzar cara a Madrid. Despois de combater varios días nos montes de Ubide, preto de Bilbao, regresa a Francia e volve entrar a España pola fronteira catalá e así regresar a Madrid.

Durante a Guerra Civil (1936-1969) foi membro da Junta de Defensa de Madrid. En 1937 entra a formar parte do Comité Central do Partido Comunista de España (PCE).

Ao rematar a Guerra Civil, Santiago Carrillo parte cara a Francia pola fronteira catalá, onde estaba participando nos últimos combates. Daquela tiña unha compañeira e unha filla. Sen que os nacionais soubesen quen eran, a compañeira e a filla de Carrillo son detidas e enviadas ao campamento de concentración de Albatera. Localizadas desde Francia conseguen pasalas a través dos Pireneos. A Filla de Carrillo morre a consecuencia das enfermidades contraídas no campo de Albatera e pouco despois o dirixente comunista sepárase  da súa compañeira Chon.


En 1949 casa en París con Carme Menéndez  coa que terá tres fillos. A familia Carrillo viviu en París cunha falsa identidade francesa: Giscard. O dirixente comunista xustificaba as longas ausencias cunha suposta profesión de viaxante de comercio e os seus propios fillos, mentres foron nenos, descoñeceron a súa verdadeira identidade. O peso da familia Giscard recaeu sempre en Carme, que amais era a responsable do sustento económico.
Xa con diferenzas coa Pasionaria respecto da organización do partido, no V Congreso do PCE, celebrado en Checoslovaquia en 1954, Carrillo presenta a democratización do Partido Comunista.
En 1960 sucede a Dolores Ibárruri na secretaría xeral do PCE. Santiago Carrillo comeza a apartarse das directrices de Moscova despois de que en 1968 a Unión Soviética invadise Checoslovaquia e empeza a aliñarse co Partido Comunista Italiano de Berlinguer, nunha liña de independencia coñecida como “eurocomunismo”.

Despois de morrer Franco, en febreiro de 1976,  Santiago Carrillo entra clandestinamente en España e fixo que o detiveran; sería liberado doce días despois. Este feito é como o  preámbulo da legalización do PCE, o 9 de abril de 1977.

Antes de regresar a España, Carrillo xa mantivera conversas co Goberno de Adolfo Suárez, a través de terceiras persoas. O dirixente comunista ofrecera garantías de moderación dos seus militantes, así como a aceptación do réxime monárquico e da bandeira nacional.

Moitos historiadores consideran que Santiago Carrillo logra o apoio definitivo de Adolfo Suárez e da sociedade española para legalizar o PCE despois da “Matanza de Atocha” o 24 de xaneiro de 1977, onde morreron tiroteados por un grupo de extrema dereita catro avogados afiliados ao Partido Comunista.

O 15 de xuño de 1977 celébranse as primeiras eleccións democráticas en que Santiago Carrillo foi elixido deputado ao Congreso dos Deputados por Madrid. Sería reelixido en 1979 e en 1982.  Os malos resultados do PCE nas eleccións do 82 levaron a Carrillo a deixar a Secretaría Xeral do PCE nas mans de Xerardo Iglesias, ese mesmo ano.
Previamente xa impulsara o abandono da ideoloxía leninista, o que provocou a escisións no seo do partido. A realidade española tamén o levou a afastarse mesmo do marxismo. Polos continuos enfrontamentos coa dirección do PCE foi expulsado do partido en 1986.
Finalmente, cun  grupo de seguidores fieis, Carrillo forma o Partido dos Traballadores de España. Despois dun fracaso electoral, o PTE fusiónase co PSOE en 1991; Santiago Carrillo opta por retirarse da política activa e convértese en tertuliano de radio e televisión, nunha testemuña lúcida da loita contra o franquismo, da transición á democracia e da política española en xeral.
O 20 de outubro de 2005, Santiago Carrillo foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade Autónoma de Madrid.

 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí