CRTVG

Buscar

Especiais

Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu o 4 de xaneiro de 1912 en Celanova, vila que sería un referente constante na súa obra. Foi o menor de sete irmáns dunha familia acomodada e galeguista, seu pai pertencía ás Irmandades da Fala. 

Celso Emilio estuda  nos Escolapios de Celanova  e axiña comeza a manter contacto con galeguistas ourensáns como Risco. Aos 20 anos, en 1932, organiza con Xosé Velo Mosquera, entre outros, as “Mocidades Galeguistas” de Celanova e en 1934 participa na constitución da “Federación de Mocidades galeguistas, organización da que será secretario. Pouco despois sería procesado por un artigo publicado en “Guieiro”, revista que el mesmo dirixía.

En 1935 publica os primeiros poemas en “Heraldo de Galicia” e tamén con Xosé Velo concibe o “Cartafol de poesía”.

En 1936, ao comezo da Guerra Civil, chamárono a filas canda os mozos da súa quinta e enviado a Asturias. Co cesamento dos enfrontamentos en Asturias destínano á Transmisións na central de Telefónica de Oviedo, onde por casualidade coñece en 1938  a que sería a súa muller, Moraima. Con ela tivo catro fillos: Luís, Xosé María, Isabel e Xabier.

Nun dos permisos que lle deron mentres estivo chamado a filas visitou Celanova e alí unha veciña escoitouno criticar o novo réxime e denunciouno; Levárono preso para o mosteiro de San Rosendo de Celanova e o gobernador militar de Ourense ordenou a súa execución. Execución que impide a familia grazas ás influencias que mantiña. Foi durante este cativerio onde crea o poema “Longa noite de pedra”, que posteriormente daría nome ao libro de poemas.

Rematada a guerra, retorna a Celanova e traballa na docencia con Velo Mosquera ao tempo que comeza as carreiras de Maxisterio e Dereito por libre.

En 1940, Celso Emilio oposita e gaña o posto de secretario e posteriormente de xefe de Xustiza na Fiscalía de Taxas de Pontevedra, onde traballa entre 1941 e 1950. O 15 de xullo de 1943 casa con María Luisa Moraima Loredo.

Na etapa de Pontevedra escribe poemas, contos e artigos e está intensamente integrado na vida cultural da cidade, onde frecuenta os faladoiros dos cafés “Carabela” e “Imperial”. Amais colabora na revista “Sonata Gallega” dirixida por Ramón Peña, en que tamén realiza as funcións de coordinador das seleccións literarias.

En 1941 publica “Al aire de tu vuelo”, un libro de poemas amorosos en castelán,  escrito desde 1938.

En  setembro de 1948 comeza a colaborar na radio. Sería coas emisións do “Galician Programme” da B.B.C. británica, que estaba coordinada por Francisco Fernández del Riego. Faría estas colaboracións ata  xullo de 1949.

En 1950 trasládase a Vigo para exercer de procurador dos tribunais. Traballo que compaxina co de accionista nunha oficina de seguros e co de director dun obradoiro de fotogravados.

Nos anos cincuenta é colaborador habitual do “Faro de Vigo”, que dirixía Álvaro Cunqueiro, tamén colabora co “Ideal Galego”, “La Región”, co “Diario de Pontevedra”,  na revista viguesa “Alba”, en “Aturuxo de Ferrol”, en “Vieiros” de México e na revista mallorquina “Papeles de Son Armadáns”, dirixida polo seu amigo Camilo José Cela.  En 1954 publica o ensaio “Curros Enríquez. Biografía” e en 1962  “Longa noite de pedra”, co que chega á súa consagración como escritor.

Neses anos mantén unha intensa actividade cultural: participa no Congreso Internacional de poesía en 1954, nas Conversas Poéticas de Formentor en 1959 e no Congreso Internacional de Etnografía en 1963, entre outros.

Nesta etapa, Celso Emilio Ferreiro compaxina a actividade cultural co activismo político. En 1964, pouco máis dun ano despois da publicación de “Longa noite de pedra”, funda Unión do Pobo Galego canda o escritor Xosé Luís Méndez-Ferrín e outros oito  intelectuais galeguistas.

Celso Emilio Ferreiro, 1966, decide exiliarse a América porque se sente premido polas forzas do réxime de Franco. Os seus amigos organizan unha comisión para prepararlle unha homenaxe de despedida. Xosé Luís Méndez-Ferrín, pola UPG, e Xesús Alonso Montero, do PC, acordan facerlle un xantar- homenaxe e aproveitar esta convocatoria para realizar un acto de protesta contra a decisión do goberno de Franco que lle permite a Fenosa o asolagamento das veigas de Castrelo de Miño e Ventosela para construír encoros.

O xantar-homenaxe celébrase o 15 de maio de 1966 no hotel Roma de Ourense. Acoden 250 persoas e reciben 1250 adhesións. No xantar pronuncian discursos Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovar, Eduardo Blanco Amor e Xosé Luís Méndez-Ferrín, entre outros intelectuais galeguistas.

En Venezuela acepta o posto de activista cultural da Irmandade Galega de Caracas. Ocúpase da dirección, redacción e confección do xornal quincenal “Irmandade”, da dirección do Cine Club, e da dirección da emisión radiofónica “Sempre en Galicia” e tamén da dirección da Escola Castelao de primaria.

En 1967, Celso Emilio funda a Agrupación Nós, entidade con pretensións de politizar nun senso nacionalista a Irmandade Galega, o que non gusta a todos os membros  da sociedade. En xullo de 1968, o escritor, recibe a comunicación oficial da súa expulsión da Irmandade. Desde ese momento, Celso Emilio desenvolve diferentes traballos: profesor de gramática, corrector de probas nunha imprenta …ata que en 1969 consegue a cidadanía venezolana e logra acceder, en 1970, ao posto de corrector de estilo no Gabinete de Prensa da Oficina Central de Información do presidente Rafael Caldera.
Algúns directivos da Irmandade continúan a súa persecución  filtrando falsas noticias aos xornais; en 1970 “La Región” chega a dar conta da noticia falsa da súa morte e da de seu fillo. Celso Emilio publica “Viaxe ao país dos ananos” en 1968; libro en que a primeira parte é un ataque aos emigrantes enriquecidos e envilecidos.

Tamén en 1968,  Celso Emilio publica en Caracas “Cantigas de escarnio e maldecir”, asinado co heterónimo satírico Arístides Silveira. Esta obra terá continuidade en 1973 con “Os Ausentes”, que levaba por subtítulo “Novas cantigas de escarnio, cun introito, sete gómitos e unha náusea final”, publicado en España por Edicións Pirata.

Tamén en 1973, publica en castelán “Fóronse á puñeta”, que asinou como Neskezas Cokhan Mordhe, amais do romance de cego de “Paco Pixiñas. Historia dun desleigado contada por el mesmo. Romance de Arístides Silveira cun limiar tirado dos proverbios do Conde de Vimioso (o Vello) e epílogo de Celso Emilio Ferreiro”, publicado en Edicións do Castro por Isaac Díaz Pardo.

Foi o Celso Emilio máis reivindicativo o que o converteu no poeta preferido entre os cantautores e voces contestatarias en Galicia e foi o que lle deu un papel destacado na chamada “Nova Canción Galega”. E foron estes cantautores os que axudaron a difundir a súa poesía.

En 1973 volve a España. Aséntase en Madrid onde Álvaro Gil o contrata para traballar na revista “Tribuna médica”. Na capital, tamén ocupa o cargo de Director da Aula de Cultura  no Ateneo Científico, Literario e Artístico de Madrid; actividade que desenvolve envolto en certa polémica.

Desde Madrid, Celso Emilio tamén colabora con varios xornais, entre eles o ABC, onde asinaba a sección “Mirador Literario: Escrito en Gallego”, en que daba conta das novidades literarias galegas.

En 1975 publica “Al César enano” baixo o pseudónimo de Stow Kiwoto Lumen. Libro que é unha recompilación de versos antifranquistas escritos desde 1961 ata o momento da súa publicación.

Próximo en ideais ao Partido Socialista de Galicia (P.S.G.) concorre como candidato da fronte multipartidista Candidatura Democrática Galega a un escano de senador pola provincia de Ourense nas Eleccións Xerais de 1977.

O 30 de agosto de 1977, Celso Emilio morre na súa casa de Vigo, onde estaba de vacacións. O día 1 de setembro sería soterrado na súa vila natal de Celanova.

Morto Celso Emilio Ferreiro sucédense as homenaxes. As máis destacadas son as do 28 de outubro en Santiago de Compostela e a do 3 de novembro en Madrid.

En 1981, o concello Vigo institúe o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro. Ese mesmo ano tamén se creou en Santiago a Fundación Celso Emilio Ferreiro e en 1989 dedícaselle o Día das Letras Galegas.

Xa no ano 2003, co gallo dos 25 anos do seu pasamento, realízanse numerosos actos na honra do escritor de Celanova e volve a editarse boa parte  da súa obra.

 

 

 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí