Información Actividade Responsabilidade Usuarios

Principios xerais de programación

Aprobados polo Consello de Adminstración da CRTVG o 12-5-1986

Prólogo

O Estatuto de Autonomía, no seu artigo 4º,2 atribúe “ós poderes públicos de Galicia, a función de promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos no que se integran sexan reais e efectivas, remove-los atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilita-la participación de tódolos galegos na vida política, económica, cultural e social”.

Polo que fai referencia á TVG e a Radiotelevisión de Galicia, é clara a importancia de establece-las maiores garantías en orde precisamente á execución do previsto no artigo 4º, 2 do Estatuto.

Cómpre redactar unhas normas axeitadas de funcionamento da Radio e Televisión de Galicia en orde a inspira-la programación para acadar mellor as finalidades de información e divulgación cultural dentro do senso democrático que ten que inspirar este labor.

Ó ser unha entidade pública, a CRTVG ten como fin principal servir ó pobo galego, co respeto ás institucións vixentes e baixo a inspiración dos principios democráticos.

Consciente o Consello de Administración da CRTVG do papel cultural que a TVG e a Radiotelevisión poden e deben desenvolver neste momento histórico do rexurdimento cultural e político de Galicia, quere destaca-la participación dos galegos en tales medios públicos.

Como coadxuvantes do sistema democrático dentro do estado das autonomías, TVG e Radiotelevisión de Galicia, dentro do respeto ó pluralismo político, que garante a Constitución e o Estatuto de Autonomía, coidarán nos seus programas e moi especialmente nos seu programas informativos, o respeto á Constitución, ás institucións das que o pobo español se dotou e ás galegas, promovendo o progreso da autonomía galega.

Especial papel correspóndelle á TVG e á Radiotelevisión á hora de contribuír á normalización da lingua galega e á difusión da cultura propia de Galicia. É indubidable a influencia que a televisión e a radio poden e deben exercer de cara á difusión eficaz das vixentes normas lingüísticas que faciliten, de maneira cada vez máis normal e polo uso repetido, o dominio do idioma galego. En moitas ocasións, a simple exposición oral da linguaxe correcta servirá para ir fomentando o seu uso adecuado entre os usuarios da radio e a televisión de Galicia.

O uso natural dun idioma nos medios de comunicación mostran ó cidadán as avantaxes e aínda a necesidade de fala-la lingua materna con propiedade. O exemplo dos que a falan para comunicar ós demais o acontecer diario, crea a sensación real de que a lingua materna – cando, coma no caso da galega, foi menospreciada aínda que non esquencida— é vehículo normal de expresión e comunicación e segue a ser util para comunicar tanto os sinxelos acontecementos de cada día coma os conceptos máis complexos.

Se importante é a tarefa de manter unha lingua na súa autenticidade viva, de forma que non soamente sexa útil, senón que siga conservando a beleza e toda a súa riqueza de contido, non o é menos o vehículo polo que se canalice a urxente tarefa de devolver a un idioma o seu carácter xenuíno de medio correcto de expresión e comunicación. No labor de devolver a Galicia o posto que lle corresponde no concerto nacional dos pobos que constitúen España, a Radio e a TV de Galicia secundan a tarefa de normalización da lingua, difusión da propia Cultura e defensa do patrimonio artístico e histórico do país.

Neste senso, TVG e RTG procurarán incluír nos seus programas, personaxes, acontecementos, situacións, edificios, lugares que contribúan a chegar unha visión realista, obxectiva do que Galicia foi, é e pode chegar a ser na histórica etapa de desenvolvemento político-cultural pola que atravesa. Toda a programación de ámbolos medios dependentes da CRTVG, deberá estar inspirada no respeto á persoa, tanto no sentido de valoración de cada ser humano pola súa dignidade de tal, coma no de defensa na práctica do seu dereito a expresa-la súa opinión.

O quefacer profesional de todos cantos traballan na TVG e Radiotelevisión de Galicia perseguirá o respeto á persoa e o seu dereito a expresarse e a participar na marcha da sociedade; o recoñecemento do natural pluralismo socio-político; a defensa dos dereitos fundamentais de cada cidadán, tanto só coma asociado; a explicitación dunhas garantías concretas para o exercicio práctico de tales dereitos; o despregue de medidas eficaces para actuar ó respeto á obxectividade e a veracidade informativas, distinguindo claramente entre información e opinión, de forma que o público receptor dos medios de comunicación da CRTVG poida sempre distinguir con nitidez o que é transmisión de feitos do que sexa comentario subxectivo, valorando así sen subterfuxios o que é información do que acontece e o que vai destinado a influír sobre o que pasa; así coma o máis delicado respeto ó dereito que a infancia e a mocidade teñen a recibir mensaxes adecuadas á súa idade e situación, de forma que favorezan o seu desenvolvemento e non impidan a plenitude da súa personalidade propia. Cómpre deixar ben fixados un Principios inspiradores da diaria tarefa profesional, así coma unhas normas concretas aplicables á programación en xeral.

1.- O Consello de Administración da CRTVG, ó enunciar estres Principios, comprométese coherentemente a velar pola súa aplicación práctica, consciente da importante tarefa que corresponde ós medios de comunicación que dependen da CRTVG.

É consciente o Consello de Administración, e así quere facelo constar, do interese que especialmente TVG espertou entre o pobo galego e do impacto dos seus programas. Precisamente por isto, considera de vital importancia insistir na conveniencia de que toda a programación e moi concretamente os programas informativos, se inspiren nestes Principios orientadores dunha tarefa tan transcendental para a boa marcha da cultura galega e a normalización da lingua propia, así como para a consolidación da autonomía galega.

Trátase de Principios inspiradores, que sirvan para fomentar un traballo profesional de calidade, tanto técnica como nos seus aspectos humanos máis profundos e máis directamente conectados coa propia personalidade e o sentido de responsabilidade dos que traballan na TVG e Radiotelevisión de Galicia.

Dunha maneira esquemática, poden ser sinalados como Principios básicos os seguintes:

A.- A difusión e defensa dos valores representativos da personalidade humana e a creación de ambiente necesario para a súa actuación práctica. Trátase dun deber de todo cidadán, de acordo coa Constitución, que afecta fundamentalmente ós entes públicos.

B.- Como unha consecuencia do anterior, TVG e Radiotelevisión de Galicia excluirán da súa programación canto contribúa a orixinar discriminacións, fomentar odios, negar na práctica o dereito a informar ou a estar informado, descoñecer ou nega-lo respeto á persoa humana e o seu dereito á honra e a presunción de inocencia, etc.

C.- A difusión e defensa dos valores democráticos e inspiradores do Estado español das autonomías e dentro do da Galicia autonómica e democrática, procurando favorecer todo canto sexa o prol da mellora do cidadán en tódalas ordes e a súa promoción cultural.

D.- Xa que logo, no estilo, a forma e o fondo da actuación diante e a través das cámaras ou os micrófonos, tenderase ó fomento de hábitos de diálogo e evitaranse os enfrontamentos violentos, aínda dialecticamente, favorecendo o perfeccionamento do espírito cívico.

E.- Deberase ter presente sempre que os nosos medios deben reflexa-la realidade tal como é, sen que a defensa duns principios necesarios para o desenvolvemento da persoa humana e o logro dos fins sociais que traduzan no adoutrinamento político, pois TVG e Radiotelevisión de Galicia están obrigados a unha liña de obxectividade, pluralismo e servicio ó pobo galego incompatible con ningún tipo de partidismo.

F.- Primarase toda actividade que fomente a participación do cidadán galego no proceso de comunicación, favorecendo a súas posibilidades reais de colaboración á tarefa común de edifica-la sociedade e mellorala en tódolos aspectos, aínda no aparentemente máis simple ou menos importante do ocio e tempo de lecer.

G.- Como resume, cómpre destaca-la transcendencia da función encomendada ós que procuran cada día eleva-lo nivel informativo, participativo, técnico, etc. De TVG e RTG actores  directos na tarefa de auténtico servicio á sociedade da que forman parte, constituída polos cidadáns receptores do resultado do esforzo de todos cantos traballan en ámbolos medios. En tal sentido, o Consello de Administración confía en que os Principios que inspiren o seu labor sexan estímulo para tender ós fins propostos.

PROGRAMAS

Os programas da Radiotelevisión de Galicia e da TVG han de responder á realidade social, cultural e económica do país. A programación ten que ser reflexo desa realidade e, como medios institucionais, cunha obriga de contribuír á transformación da mesma dende a identidade galega. Unha identidade que non se entende como algo estático senon como un proceso aberto no que os medios de comunicación, radio e televisión, deben supoñe-la incorporación da realidade social e cultural galega á dinámica das modernas sociedades desenvolvidas. E isto como o servicio é o xeito para garantir no hoxe e no futuro a continuidade dunha comunidade cos seus sinais de identidade.

Obxectivos da programación da RTG e da TVG son:

1. O fomento e defensa do pluralismo da sociedade e como expresión da democracia e da liberdade.
2. O fomento e defensa dos valores do diálogo, o respeto e a convivencia pacífica.
3. A defensa das normas e principios que recollen os valores devanditos así coma o respeto ás crenzas relixiosas e ós  principios morais que profesa a audiencia.
4. Manter dentro e na programación un talante e unha constante de boas formas, rigor no traballo e respeto para con todos.
5. Como obxectivos específicos o Consello de Administración da CRTVG sinala para os seus medios de comunicación os seguintes:

  • Presencia do mundo cultural recollido de xeito específico como instrumento de promoción do nivel cultural da sociedade galega. A cultura galega e a cultura universal han de ter acollida na programación. E haberá de existir programación específica cultural dentro das características propias dos medios radio e televisión.
  • A realidade socio-económica terá tamén presencia na programación e dentro da autonomía que han de te-los profesionais buscaranse os xeitos divulgativos ou formativos que contribúan á mellora da realidade galega.
  • O entretemento e diversión que lexítimamente busca a audiencia nestes medios de comunicación terá que estar tamén presente na RTG e na TVG e contarán con programación propia neste senso sen caeren no vulgarismo.
  • A música nas súas diferentes expresións tamén ten que ter presencia na RTG e na TVG. Neste senso coidarase a presencia do que é patrimonio cultural da música galega, as novas creacións en Galicia e o que é patrimonio universal como a música clásica.
  • A RTG e a TVG buscarán o incremento da producción propia de programas e deste xeito han de busca-la presencia dunha programación baseada en temática e autores galegos e con valor de universalidade para que esa producción propia poida ter acollida noutros mercados, o que servirá como apoio ós investimentos que neste sentido se fagan en Galicia e como proxección exterior da imaxe do propio país. 

6. Ámbolos dous medios terán programación específica dirixida á mocidade e á infancia para exerceren unha acción beneficiosa no desenvolvemento da súa personalidade e como cidadáns que terán que comprometerse coa realidade de Galicia, de España e da Europa na que empezamos a integrarnos.
7. As transmisións de acontecementos de interese xeral tanto  deportivos coma doutros acontecementos en Galicia ou fóra que teñan interese para os galegos son obxectivos da RTG e da TVG como medios de comunicación ó servicio da audiencia galega.
8. A programación buscará tamén, non só con retransmisións, o fomento dos  deportes, do seu coñecemento e  a súa práctica como un xeito de contribución á mellora da calidade de vida dos galegos.
9. Sen esquece-las manifestacións do espírito no sentido de crenzas e relacións íntimas da persoa que terán tratamento específico no tema relixioso, a programación da RTG e TVG respetará sempre o dereito á propia imaxe e á vida privada das persoas é buscará a proxección pública daquelas persoas  que destacaran ou destaquen nos diferentes eidos do traballo cotián para a mellora e a transformación de Galicia na actividade profesional, económica, cultural, científica, deportiva, etc.

Sen que os puntos anteriores queiran pechar todo o campo e a orientación que debe te-la programación da RTG e TVG, o que cómpre suliñar é a necesidade de que esa programación dea unha imaxe dunha Galicia activa e sirva ás formulacións xerais da sociedade galega de acadar mellores niveis de vida, facer realidade a intercomunicación entre o conxunto da sociedade galega e servir ó fomento da propia identidade galega sen que esta poida ter unha interpretación reduccionista que a identifique co rural e folklórico nun senso vulgar.

PROGRAMAS RELIXIOSOS

O principio de liberdade relixiosa e de culto así coma o feito sociolóxico constitucionalmente recoñecido da presencia maioritaria da relixión católica, fai que na programación da RTG e TVG se abranga este feito nunha dobre banda:

1. No respeto ás crenzas relixiosas e ós seus símbolos no conxunto da programación.

2. Na atención específica a este feito, como pode se-la retransmisión dominical do culto católico, ou outro tipo de programas dentro dun marco de cooperación entre a CRTVG e as confesións relixiosas.

A presencia de diferentes confesións, ademais da católica, deberá basearse en tempos que se correspondan ó seu peso social no conxunto galego.

INFORMATIVOS

Nuns medios públicos como RTG e TVG son os programas informativos quen marcan o talante da súa independencia fronte a toda utilización partidista. É pro iso que os programas informativos son merecentes dunha reflexión particular e dunha fixación de principios específicos.

A RTG e a TVG teñen unha obriga ineludible de ser canles informativas para a sociedade galega. E teñen, segundo o entende o Consello de Administración da CRTVG, a obriga de ser, como medios de información, cribles nos seus contidos informativos. Entende o Consello de Administración da CRTVG que o prestixio e a dignidade destes medios públicos galegos virán dados pola súa credibilidade informativa, apartada da utilización partidista ou sectaria.

A separación entre opinión e información é principio incuestionable e irrenunciable na RTG e na TVG. Nunca os profesionais da información destes medios poderán emitir opinión ou valoración ningunha sobre dos feitos que transmitan ós cidadáns.

Como resposta ó dereito que todo cidadán ten a estar informado, a RTG e a TVG terán como principios informativos os seguintes:

1. Nidia separación entre información e opinión. A opinión, en todo caso, será emitida por persoas alleas ós servicios informativos da RTG e TVG. Sempre que haxa opinións ou partes diferentes implicadas nos feitos recollerase a opinión das diferentes partes. No caso da información política remitímonos ás normas específicas aprobadas polo Consello de Administración da CRTVG.

2. A selección da información que se emita basearase sempre en criterios profesionais, é dicir, no seu interese xeral, na súa repercusión para os cidadáns galegos e na resposta ó dereito a estaren informados que teñen os cidadáns diante duns medio públicos.

3. Os datos informativos buscarán a máxima veracidade, polo que os xornalistas contrastarán as informacións nas fontes necesarias.

4. O rigor na información, que esixe veracidade, contraste nas fontes, neutralidade na exposición e profesionalidade nas diferentes partes implicadas na elaboración ou montaxe dunha noticia, será a esixencia que se impoñan os xornalista a sí mesmos e os medios como camiño de prestixio.

5. A especulación e o rumor deben estar ausentes dos programas informativos da RTG e da TVG. No caso de recollérense noticias que se consideren de interese sen que haxa unha confirmación firme, haberá que citar sempre a fonte da que procede tal información.

6. As reportaxes e tódolos xéneros informativos diferentes á mera noticia deberán ir asinados tanto polo autor do texto coma polos autores da imaxe e da montaxe.

7. Polo que se refire ós contidos informativos, a RTG e a TVG coidarán a información institucional tanto autonómica como estatal como un xeito de intercomunicación cos cidadáns e de participación na vida democrática.

8. Fuxirase sempre de calquera redacción ou presentación das noticias que implique unha editorialización agachada.

9. Cando se pida a opinión dunha persoa deberá ser advertida previamente do contexto no que vai ser emitida e do tempo de que dispón na emisión para a súa exposición.

10. O respeto á fama e á vida privada das persoas deberá ser extremadamente coidado nuns medios das características da RTG e da TVG.

11. Haberá tamén nos programas informativos un coidado especial na boa utilización do idioma galego.

12. No servicio á información e como medios de comunicación social buscarase tamén a divulgación pedagóxica en temas técnicos ou especializados que sexan noticia ou que afecten ós cidadáns.