CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os sete partidos convidados aos debates electorais na CRTVG acordan a súa participación e as normas dos mesmos

22/06/2020

Como é tradicional, logo de remitir o Plan de Cobertura á Xunta Electoral, os representantes dos diferentes partidos reuníronse esta tarde na CRTVG para pactar os parámetros dos debates

 

 

Os sete partidos convidados aos debates electorais na CRTVG acordan a súa participación e as normas dos mesmos

Santiago, 22.06.2020.-    Os A CRTVG convidou ao debate electoral do vindeiro luns 29 de xuño as sete formacións políticas que teñen en Galicia carácter de “grupo representativo” ou de “grupo político significativo”. Tanto a fórmula para a asignación de tempos a cada formación como o carácter dos diferentes grupos veñen establecidos pola Lei Orgánica de Réxime Electoral (LOREG) e as instrucións da Xunta Electoral Central. Este debate dos principais candidatos será o primeiro dos 9 encontros que se ofrece a organizar á CRTVG nos 15 días de duración da campaña.

As condicións dos debates foron pactadas esta tarde polos representantes das 7 forzas concorrentes na sede de San Marcos.

Os candidatos e candidatas dos denominados electoralmente “grupos representativos” (Partido Popular de Galicia, Marea Galeguista, Partido Socialista de Galicia, Bloque Nacionalista Galego) e os dos denominados “grupos políticos significativos” (Galicia en Común, Ciudadanos e Vox) poderán confrontar nos medios públicos as súas posicións sobre asuntos de máximo interese para a cidadanía, que se distribuirán en catro bloques temáticos. Os líderes políticos debaterán sobre Galicia e Covid: xestión, nova normalidade, reconstrución; políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais xerais; políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias; e modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado.

O debate celebrarase a partir das 21.30 h, e poderase seguir a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega, a G2 -con intérprete de lingua de signos- e tamén a través dos medios dixitais da Corporación.

A CRTVG empregará un amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require un debate electoral de máximo nivel. O último debate organizado pola CRTVG no contexto das Eleccións Autonómicas de 2016 chegou a ser contactado por case medio millón de espectadores.

A situación sanitaria obriga a extremar as medidas de precaución e hixiene para garantir a seguridade dos traballadores/as de CRTVG, os candidatos/as e os representantes do equipo que os acompañen neste debate e tamén nos oito debates provinciais e as 14 entrevistas aos que están convocados. A CRTVG facilitará o sinal e material gráfico do evento a todos os medios interesados na súa difusión.

Todos os detalles: programación especial o luns 29 de xuño

Con motivo da celebración do debate, a CRTVG modificará a súa grella e ofrecerá unha programación especial ao redor do mesmo, e os servizos informativos da Corporación realizarán xa nas xornadas previas un esforzo de promoción deste evento nos diferentes espazos e canles.

O día 29 pola tarde haberá un `Especial Informativo´ previo ao debate que comezará ás 19:30 horas, no que se contará con catro analistas que irán debullando os instantes previos e os posteriores ao evento. Logo do debate do día 29, a TVG e a Radio Galega programarán 8 debates máis, estes de carácter provincial, que estarán divididos nos mesmos bloques temáticos que os establecidos para o debate dos candidatos/as.