CRTVG Viva
“Xabarín Club incorpora á súa programación dous clásicos da animación en tv: “Era unha vez o home” e “One Piece”
A partir de mañá, de luns a venres, os pequenos descubrirán a historia da humanidade da man dun dos clásicos dos anos 80
Na fin de semana o público infantil vivirá aventuras de piratas con “One Piece”

Santiago, 09.02.2012.- A Televisión de Galicia continúa apostando pola programación infantil engadindo novas series dentro do espazo infantil e xuvenil “Xabarín Club”, que se emite todos os días na segunda canle da Galega, a tvG2.
Nesta quenda, o público infantil poderá gozar, a partir de mañá venres, cunha das series de animación que marcaron un fito na historia da televisión “Era unha vez o home”, unha produción divulgativa creada e escrita polo francés Albert Barillé onde os pequenos aprenderán dun xeito divertido historia, ciencia, bioloxía ou os grandes acontecementos da humanidade. Ao remate de “Era unha vez o home”, a Televisión de Galicia continuará con “Era unha vez os exploradores”, onde os nenos descubrirán o fascinante mundo dos exploradores explicado polos seus protagonistas desde Alejandro Magno, ata o Capitán Cook ou o propio Armstrong... Como eran, cales foron as súas rutas e viaxes, que encontraron... serán algunhas das incógnitas que poderán despexar, explicadas nunha linguaxe sinxela polos personaxes da serie.
Na fin de semana “Xabarín Club” tamén incorporará este sábado á súa oferta infantil a serie “One Piece”, unha versión animada do mítico manga xaponés, creado por Eiichiro Oda. One Piece é unha aventura épica de piratas onde conta a historia dun rapaz chamado Luffy D. Monkey que cando tiña 7 anos, comeu accidentalmente a froita do demo, converténdose nun home de goma incapaz de nadar. Dez anos despois, Luffi, inspirado por un pirata, sae ao mar para converterse no rei dos Piratas, para esta misión necesita atopar unha tripulación para esta aventura.