CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Xoel López, Francisco e Ricky Merino, convidados nun 'Luar' que celebra as últimas fases semifinais dos seus certames

12/07/2019

A diversión tamén estará presente nas actuacións de Festicultores Troupe, Broken Peach e no sorprendente espectáculo Maasai da compañía Mighty Jambo

Xoel López, Francisco e Ricky Merino, convidados nun 'Luar' que celebra as últimas fases semifinais dos seus certames

Santiago, 12.07.2019.- ‘Vai de Baile’ e ‘Recantos’ achéganse esta noite á súa recta final, xa que nesta edición clasificaranse os dous últimos finalistas que intervirán a próxima semana na gran final dos respectivos certames. Por unha parte, o aspirante do concurso de baile tradicional decidirase entre Fíos de Liño e Campiños de Sarandón; mentres que, o segundo cantante finalista con mellores calidades vocais e posta en escena sobre o escenario dilucidarase tras as actuacións de Velusa, en representación de Portugal norte, e de Alberte Suárez, procedente de Ourense norte.

Metidos de cheo no apartado artístico, Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana recibirán esta noite o valenciano Francisco que, coma sempre, fará as delicias da audiencia coa súa potente voz. Por primeira vez escoitarase en ‘Luar’ (22.00 h.) ao coruñés Xoel López, un dos maiores referentes da música indie-pop española. O artista, nos seus inicios coñecido como Deluxe, interpretará ‘A serea e o mariñeiro’ e ‘Tierra’, dous dos seus temas en solitario en que reflicte a súa estreita relación musical e persoal coas súas raíces e co mar.

Outro dos artistas do programa será Ricky Merino que, aínda que foi popular para a audiencia polo seu paso polo concurso televisivo OT, posúe tamén unha destacada traxectoria no mundo do espectáculo, que actualmente segue explorando con novos traballos musicais. Neste senso, o artista mallorquino presentaralles aos espectadores de ‘Luar’ a canción ‘A mi manera’, que segue a senda do seu outro éxito ‘Miénteme’ cun son pop máis electrónico, influenciado polos oitenta e o funky.

A diversión e a música máis desinhibida e festiva seguirán no escenario nas actuacións da banda ourensá Festicultores Troupe, que amosará algúns dos seus éxitos máis recentes en que mesturan as melodías balcánicas e circenses con ska, e da viguesa Broken Peach, cuxas voces harmónicas viaxan por estilos musicais que van desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, funk e o pop.

Pola súa parte, a coruñesa Mar Davila ofrecerá algunhas das melodías que recolle no seu terceiro disco ‘Lembranzas’, onde se move entre cancións de autor e música popular galega, e o redondelán Ducho Vidal, moi popular pola súa mestría coa harmónica, interpretará unha das súas cancións máis coñecidas. A música de sempre tamén estará presente nas actuacións de Los Tres Soles del Paraguay.

Cambiando de tema, o musical da Galega traerá hoxe un fragmento dun espectáculo diferente, realizado pola compañía Mighty Jambo Circus Academy, que transportará os espectadores cara aos asentamentos Maasai de Kenia para contarlles as peripecias dos cazadores na súa loita pola subsistencia co leopardo.

As voces da Coral de Ruada e as intervencións de Retranqueiriños de Ames, de Danza de Arcos de Camariñas e de Pandeireteiras de Verducido completan o variado elenco de convidados artísticos desta edición.