CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Éxito de acollida na posta de longo en Vigo da nova serie da TVG 'Auga seca', cuxa estrea é este domingo na Galega

29/01/2020

O evento, coa capacidade do auditorio ao completo, contou coa asistencia dos protagonistas, entre eles, Monti Castiñeiras, Sergio Pazos e Victoria Guerra, ademais doutros convidados do sector audiovisual e autoridades

Este thriller sobre o tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial está realizado en coprodución coa RTP e rodado entre Vigo e Lisboa

Éxito de acollida na posta de longo en Vigo da nova serie da TVG 'Auga seca', cuxa estrea é este domingo na Galega

Santiago, 29.01.2020.-  A sede de Afundación de Abanca en Vigo estendeu hoxe a súa alfombra vermella para acoller a posta de longo da serie 'Auga seca', novo thriller da TVG, realizado en coprodución coa Rádio e Televisão de Portugal (RTP) e rodado este pasado verán entre a cidade olívica e Lisboa. O evento, en que se proxectou o primeiro capítulo, contou coa presenza do equipo da serie, numerosos convidados do sector audiovisual, moitos profesionais dos medios públicos galegos e tamén autoridades. Éxito de acollida desta primeira entrega da serie, integrada por seis capítulos, de 50 minutos de duración cada un, que se estreará este domingo na Televisión de Galicia na faixa da noite, en horario de máxima audiencia.

'Auga seca' emítese en Portugal xa desde o pasado 17 de xaneiro con moi boa aceptación. Precisamente, o acto ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a adxunta á Dirección da CRTVG, Rosa Vilas, e o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, contou coa presenza de destacados responsables da RTP, como Xosé Fragoso, director de Programas da RTP1 e RTP Internacional; dos produtores José Amaral, por parte de SP-i Producións, e Alfonso Blanco, responsable de Portocabo, entre outros convidados do sector audiovisual e autoridades, como Jaime Aneiros, concelleiro de Facenda en Vigo; Manuel Correia da Silva, vicecónsul de Portugal en Vigo; Juan A. González, alcalde de Nigrán; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O acto de preestrea completou o aforo do auditorio, coa presenza de 350 asistentes, e contou tamén co equipo da serie, que encabeza o elenco protagonista, formado por Sergio Pazos, Monti Castiñeiras e Victoria Guerra, e o seu director, Toño López. Tras a exhibición do primeiro episodio, ofreceuse un cóctel con música en directo a cargo do trío de blues Sabela King & the heartbreakers.
    
'Auga seca', drama policial enmarcado no universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, é a primeira serie en galego que accedeu ao exclusivo Mipcom de Cannes, está coproducida pola galega Portocabo e SP-i, a produtora de televisión máis importante do país veciño, e vai ser distribuída internacionalmente pola británica DCD Rights.

A trama cargada de xiros e sorpresas supón unha nova colaboración entre a TVG e a RTP, canles que manteñen lazos estreitos, despois de coproducir tamén as series 'Vidago Palace' e 'Verão M' e programas como 'Camiños de irmandade' e especiais de 'Aquí Galicia' e 'Aquí Portugal'.