CRTVG Viva
Ximnástico–Celta en directo na TVG, e toda a atención dos medios públicos galegos aos posibles ascensos do Dépor e Celta
Ao remate do encontro, a TVG e a Radio Galega teñen todo preparado por se hai que celebrar a gran festa do fútbol galego, xa que Dépor e Celta poden regresar da man á Primeira División

Santiago, 27.05.2012.- Moita emoción será a que poidan vivir este serán os espectadores galegos e afeccionados vigueses coa transmisión, en directo a partir das 19.50h, pola primeira canle da Televisión de Galicia co partido Ximnástico de Tarragona–Celta. Un encontro en que o equipo vigués pode celebrar o ascenso directo á Primeira División de fútbol se consegue a vitoria fronte ao descendido Ximnástico e se o Valladolid perde en Alcorcón. Se non terá que agardar á última xornada da Liga Adelante en Balaídos.
Ao remate deste encontro a Televisión de Galicia ten preparado todo un dispositivo técnico para ofrecerlles distintas conexións co estadio de Riazor onde o Deportivo tamén rematou o seu encontro e pode ascender á Primeira; coa afección que seguiu o encontro desde Balaídos e outro equipo no propio campo do Tarragona. Desde estes puntos de directo os equipos da TVG ofreceranlles as reaccións e avaliacións dos xogadores e protagonistas da xornada, así como o ambiente das bancadas e a afección dos dous equipos galegos.
Radio Galega
Do mesmo xeito, a Radio Galega ofrecerá tamén este encontro deportivo dentro do espazo “Galicia en Goles”. Conducido por Xoán Galán despregará unidades móbiles na Coruña e en Vigo para vivir en primeira persoa cos afeccionados, desde as 16.00h, o ambiente dos encontros dos seus respectivos equipos.
O “Galicia en Goles” establecerá continuas conexións con Riazor, onde o Deportivo disputa o seu ascenso directo nesta xornada fronte ao Huesca, tamén ás 20.00h. A emisora pública contará cos comentaristas Andrés Vieites e Gonzalo Soto.
Da narración do partido do Ximnástico contra o Celta encargaranse Alfonso Pardo e Xaime Escudeiro, enviado especial no Nou Stadi de Tarragona, desde onde recollerá as declaracións de adestradores e futbolistas.