CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Xabarín celebra o seu 24 aniversario este mércores na tvG2 cun concerto 'oinkplugged'

17/04/2018

Á hora da merenda, Silvia Superstar, Javier Soto, Víctor Coyote, Nicolás Pastoriza ou Woyza, entre outros artistas, interpretarán algunhas das cancións orixinais en galego que compoñen a banda sonora do programa infantil e xuvenil da Galega

O porco bravo máis famoso da televisión premia tamén cuns agasallos moi musicais os fieis seguidores que participen na pregunta quincenal do 'Xabarín Club'

Xabarín celebra o seu 24 aniversario este mércores na tvG2 cun concerto 'oinkplugged'

Santiago, 17.04.2018.-  O Xabarín celebra este mércores o seu 24 aniversario con máis ganas de festa e diversión ca nunca. O rei dos porcos bravos quere agradecerlles aos espectadores que, desde a súa aparición en abril do 94 en televisión, a súa fama non deixou de crecer, ao igual que o seu club de amigos, cos que xa supera os 143.000 socios con carné. Ademais deste apoio, neste tempo, sete discos, un cento de actuacións e milleiros de programas son motivos máis que relevantes para que esta data non pase sen compartila coa audiencia cunha boa celebración.

Para iso, e como non podía ser doutro xeito, Xabarín e música irán da man. O porco bravo máis famoso da televisión cita os seus fieis seguidores a gozar á hora da merenda dun concerto oinkplugged na tvG2. Trátase do último concerto en vivo ofrecido en homenaxe á estrela do 'Xabarín Club', en que se incluíu un repertorio de versións inéditas, escollido entre as máis de 100 cancións orixinais en galego que compoñen a banda sonora do programa infantil-xuvenil da Galega.

O concerto correu a cargo da 'Xababanda dos catro', creada para a ocasión, dirixida por Pablo Novoa e Julián Hernández e composta por Marcos Viascón e Pancho Álvarez, ademais de contar coa colaboración doutros músicos como Fernando Abreu e Rómulo Sanjurjo. Contou, amais, coa presenza de sete artistas convidados para interpretar 15 temas: Silvia Superstar, Javier Soto, Víctor Coyote, Nicolás Pastoriza, El Puto Coke, Woyza e Juanillo Esteban.  

Agasallos e novas animacións

Seguindo cos contidos especiais deste mércores, o 'Xabarín Club' ofrecerá no transcurso das tres faixas da xornada os vídeos musicais máis recentes que coñecidos artistas galegos, como Magín Blanco, Carlos Childe ou Pablo Novoa & Iván Ferreiro, realizaron con temas exclusivos para o espazo da Galega.

Xunto ás cancións que desde hai 24 anos veñen animando as cabeciñas de varias xeracións de seguidores, o porco máis bravo da televisión celebrará o seu aniversario premiando os socios que concursen na pregunta quincenal do programa cuns fantásticos auriculares Xe, serigrafados co logo do 'Xabarín Club', cun CD-DVD de “A Cantar con Xabarín. (Vol. 7)” e cun tapete do rato para o ordenador.

O 'Xabarín Club' estreará tamén, nas próximas semanas, animacións para as felicitacións diarias dos socios cunha presentación do máis estelar. Unha homenaxe a '2001: Odisea do espazo', que este ano celebra os 50 anos da súa estrea, a 'A Guerra das Galaxias', á cadeliña Laika e a David Bowie, o home das estrelas, creada por Víctor Coyote coa música de Pablo Novoa.