CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Volve á TVG 'Galicia bonita', que esta noite ofrecerá un avance dos vindeiros retos que asumirá o equipo de reformas

20/01/2020

Tamén se amosarán os momentos máis complicados aos que se enfrontaron Rosa Facal e os seus axudantes, as solucións que foron atopando aos distintos imprevistos e como se resolveron os momentos máis conflitivos de cada obra

Volve á TVG 'Galicia bonita', que esta noite ofrecerá un avance dos vindeiros retos que asumirá o equipo de reformas

Santiago, 20.01.2020.-    O equipo de reformas de 'Galicia bonita' (22.35 h) ponse de novo en marcha este luns na Televisión de Galicia. Despois do éxito da temporada pasada, a arquitecta Rosa Facal, especializada na recuperación de contornas no rural, e os seus pintorescos axudantes seguirán visitando durante as vindeiras semanas algunhas das vivendas máis descoidadas de Galicia para asesorar e axudar na súa rehabilitación.

O albanel, Javier; a decoradora, Laira e o carpinteiro, Carlos, loitarán cada luns contra o feísmo que predomina en pendellos, palleiras e leiras de toda Galicia. Os espectadores da TVG poderán ver esta noite un avance dos vindeiros retos que asumirá o equipo de 'Galicia bonita' e dalgúns personaxes curiosos que se atoparán e que non lles farán nada doado o traballo.

Tamén se amosarán os momentos máis complicados aos que se enfrontaron ata agora a arquitecta e o seu equipo, as solucións que foron atopando aos distintos imprevistos e como se resolveron os momentos máis conflitivos e tensos de cada obra.
    
Os animais tamén terán un oco destacado no programa especial desta noite. A súa presenza nas casas galegas é moi habitual, polo que se explicará o que supoñen nas reformas de 'Galicia bonita' e como se lles dá un lavado de cara a canceiras, paxareiras e galiñeiros para que a súa harmonía coa contorna sexa total.