CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

20.000 novos oíntes converten a Radio Galega na segunda emisora que máis medra en Galicia, segundo o EXM

19/04/2017

A audiencia da canle pública, a terceira máis escoitada na comunidade, aumentou nun 14,5 por cento con respecto á última medición do Estudo Xeral de Medios

A Radio Galega Música duplicou os seus seguidores en relación coa anterior onda, publicada en decembro

20.000 novos oíntes converten a Radio Galega na segunda emisora que máis medra en Galicia, segundo o EXM

Santiago, 19.04.2017.-  A primeira onda do Estudo Xeral de Medios en 2017 sitúa a Radio Galega coma a segunda emisora que máis medra en Galicia, ademais da COPE. A canle pública sumou 20.000 seguidores con respecto á última medición, publicada en decembro, o que supón un incremento de audiencia do 14,5 por cento, de luns a venres.

Con estes datos, a Radio Galega pasa a ser a terceira sintonía máis escoitada en Galicia, superando a Onda Cero,  con 158.000 oíntes nos días de semana.

As cifras confirman, así mesmo, que este crecemento foi continuado ao longo do ano, xa que, con respecto á primeira medición de 2016, o incremento alcanza os 34.000 oíntes, é dicir, o 27,4 por cento, tomando tamén como referencia o período de luns a venres.

A audiencia tamén apoia a programación da Radio Galega Música, que duplicou o número de oíntes en relación coa anterior onda do EXM. A canle sumou 8.000 novos seguidores e pasa a ser a emisora musical de referencia para 16.000 persoas de luns a venres.