CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

“Vilamor” recibe o Galardón á Excelencia no Festival de Cine Internacional para a Paz, a Inspiración e a Igualdade en Iacarta

31/08/2012

Esta película, participada por TVG e producida por Vía Láctea Films, suma así un novo recoñecemento internacional nun dos escaparates ao mellor cinema independente de todo o mundo

“Vilamor” recibe o Galardón á Excelencia no Festival de Cine Internacional para a Paz, a Inspiración e a Igualdade en Iacarta

 

Santiago, 31.08.2012.- "Vilamor" segue a recoller éxitos alén dos mares. Neste caso, a última película do director Ignacio Vilar, que competía na sección de longametraxes internacionais, recibiu a pasada noite o Galardón á Excelencia no Festival de Cine Internacional para a Paz, a Inspiración e a Igualdade na cerimonia de entrega de premios que tivo lugar onte no Blitzmegaplex Cinema, de Iacarta (Indonesia).

Este certame, organizado co gallo do Día Internacional da Pa, que terá lugar o vindeiro 21 de setembro, ten como obxectivo servir de escaparate ao mellor cinema independente de todo o mundo e recoñecer o traballo daqueles directores que reflicten o seu compromiso con valores como a paz ou a igualdade a través da súa particular maneira de facer cine.

A película "Vilamor", que conta con participación da Televisión de Galicia, está inspirada nos feitos reais acontecidos nos anos 70 na montaña lucense, onde, fiel reflexo dos cambios políticos e sociais dunha etapa histórica controvertida en España, instáurase unha comuna como modelo alternativo que defende efectivamente valores como o respecto polo medio ambiente, a paz, a liberdade e a igualdade de sexos, entre outros.

Despois dos galardóns obtidos recentemente por "Vilamor" á Mellor Banda Sonora e Mellor Fotografía no marco do New York City International Film Festival, a produtora da longametraxe Vía Láctea Filmes insiste na importancia do cinema como ferramenta indiscutible para conseguir o recoñecemento que a nosa cultura e a nosa xeografía merecen tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras.