CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Víctor Manuel, Los Chunguitos e Rodrigo Cuevas enchen 'Luar' esta noite de festa coas súas actuacións

17/01/2020

O musical contará, amais, coas actuacións de Os Alegres, Faustino Luis Seoane, Verto, A Bule Bule Band, Pachy Mouriño e a orquestra Olympus, entre outros

Víctor Manuel, Los Chunguitos e Rodrigo Cuevas enchen 'Luar' esta noite de festa coas súas actuacións

Santiago, 17.01.2020.-  Noite de música e entretemento na compaña de Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana, que presentarán un ‘Luar’ (22.00 h) repleto de artistas e sons variados. Este venres, acode ao programa Víctor Manuel, cun novo libro baixo o brazo e cos temas do seu último disco ‘Casi nada está en su sitio’, o seu primeiro álbum de cancións orixinais desde hai máis de 10 anos. Os irmáns Salazar, coñecidos artisticamente como Los Chunguitos, ofrecerán algunhas das súas cancións de máis éxito.

Outra das sensacións da noite producirase nas intervencións de Rodrigo Cuevas, coñecido como o Freddy Mercury asturiano, é un artista multidisciplinar que revisiona e actualiza o folclore coas súas creacións. Nas súas actuacións, música e espectáculo mestúranse cunha posta en escena moi estética e divertida.

O folclore seguirá a ter un peso destacado en ‘Luar’, coa presenza da agrupación folk máis lonxeva de Galicia, Os Alegres, que lembrará hoxe a Chicho, mítico compoñente deste grupo de gaitas pontevedrés e fillo do fundador, quen faleceu hai uns días; con Faustino Luis Seoane, afamado gaiteiro e artesán de Caniza (A Gudiña), e coa Escola de Lembranzas do Tambre.

Tamén son protagonistas este venres A Bule Bule Band, grupo coruñés que interpretará un tema do seu último disco ‘Menudas pezas’; o lucense Pachy Mouriño, ex de Los Sirex, que cantará o tema que da nome o seu álbum ‘Morriñas’; o pop do galego Verto e a orquestra Olympus.

Nunha nova edición do certame de Recantos competirán coas súas voces Sara Iglesias, de Terras de Pontevedra, e Lorena Guerra, en representación do sur de Lugo.