CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Variedade de estilos en "Luar" con Karina, Mario Lucio, Sabor de Gracia e Ámbar Garcés, amais dos sons da terra

12/10/2018

O dúo humorístico Brandariz & Veiga volve ao programa (22.05 h.) cunha nova primeira cita amorosa

Variedade de estilos en "Luar" con Karina, Mario Lucio, Sabor de Gracia e Ámbar Garcés, amais dos sons da terra

Santiago, 12.10.2018.-  “Luar” acode este venres a súa cita cos espectadores da Televisión de Galicia cunha variada proposta de estilos musicais, en que o humor e os concursos tamén son os ingredientes principais.

A coñecida Karina, unha das artistas de referencia en España nos anos 60 e 70 traerá a nostalxia e a diversión ao espazo interpretando, entre outras, “Las flechas del amor”.

Amais, soarán esta noite no programa versións dunha lenda da música española. A banda barcelonesa Sabor de Gracia réndelle tributo no seu último álbum a Peret recollendo os temas principais do repertorio do rei da rumba.

Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana daranlle tamén a benvida o músico e ex-ministro de Cultura de Cabo Verde, Mario Lucio. Fundador do antigo grupo musical Simentera, é un dos compositores máis destacados do seu país, con músicas gravadas por Cesária Évora, amais tamén por artistas brasileiros, franceses e italianos.

A seguinte convidada, de éxito entre os máis novos, é a versátil Ámbar Garcés, unha instagramer galega, con máis de 378.000 seguidores. Modelo, actriz e bailarina, amosará esta noite a súa faceta como cantante interpretando o seu tema “Con derecho a roce”.

A música da nosa terra estará representada nas actuacións de Tania Veiras, de Fran Amil, da banda de música infantil de Meaño, da agrupación folclórica Mar de Arousa, dos Firrás, dos Viqueiras de Ordes, da orquestra Aramio, e de Cesáreo Torres. Hall Campaneiros de Zamora completa as propostas musicais do programa.

Tras o éxito da parodia humorística de Brandariz & Lucía Veiga a pasada semana, o dúo volverá vivir esta noite unha nova primeira cita amorosa que, tratándose desta curiosa parella, terá un resultado moi incerto.

“Luar” contará cunha nova edición do certame de novos talentos ‘Recantos’ coas actuacións de Elisabet Lustres, en representación da zona de Noia-Barbanza, e de Samuel Represas, de Vigo. O concurso telefónico contén un bote que ascende a 2.500 euros.