CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Valencia-Celta, Lugo-Logroñés e a Segunda B, protagonistas do ‘Galicia en goles’ esta fin de semana

18/02/2021

Os afeccionados ao hóckey a patíns poderán seguir tamén, en directo, o partido que xogará este venres o Liceo contra o Voltregá

Valencia-Celta, Lugo-Logroñés e a Segunda B, protagonistas do ‘Galicia en goles’ esta fin de semana

Santiago, 18.02.2021.- O equipo deportivo da Radio Galega inicia a programación da fin de semana o venres ás oito e media da tarde coa análise do que serán os partidos destacados do sábado e domingo, ademais de seguir o Liceo-Voltregá de hóckey a patíns.

O sábado, desde as 3 da tarde, a atención estará centrada no Valencia-Celta, da Primeira División, e no derbi provincial Rácing de Ferrol-Deportivo da Coruña, da Segunda B, na Malata. Outro encontro de rivalidade, Ourense CF-Arenteiro, destaca na Terceira Galega.

Xa o domingo, ás 12, o interese pasará polo Celta B-Salamanca, de Segunda B, o Estradense-Ribadumia, de Terceira, e o encontro de fútbol sala entre o Parrulo e o Levante, na Malata. A partir das 3, o derbi de Segunda B entre o Pontevedra e o Compostela, en Pasarón, xunto á visita do Coruxo a Guijuelo e a xornada de Terceira centrarán a sesión de tarde. Desde as oito e media, o Lugo-Logroñés, de Segunda División A, ocupará a última faixa do ‘Galicia en goles’.
    
Durante a fin de semana, a Radio Galega emite outros espazos de temática deportiva. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo visita o concello coruñés de Coirós para dar voz no ‘Convivir’ ao taekwondo e o kick boxing. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez actualiza o mundo do motor no ‘Gas a fondo’, mentres ás once e media da noite Toni López conversa no ‘Galicia en Toquio’ coa tiradora de esgrima Judith Rodríguez.

O domingo, ás 11 da noite, os afeccionados ao fútbol teñen tamén unha cita con Pedro Pablo Alonso na mesa de debate de ‘Ao contraataque’.