CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Vaia Troula" ofrece esta noite un programa moi especial, que descubrirá os segredos da romaría da Virxe da Barca de Muxía

09/09/2018

O espazo da TVG (22.00 h.) tamén seguirá con especial interese os Milagres de Amil, os Remedios de Ourense, a Festa da Empanada de Carral, a Noite Meiga do Barqueiro e a Festa do Viño do Pelete, entre outras celebracións

"Vaia Troula" ofrece esta noite un programa moi especial, que descubrirá os segredos da romaría da Virxe da Barca de Muxía

Santiago, 09.09.2018.-    A tradicional romaría da Virxe da Barca de Muxía será o principal argumento do “Vaia Troula” deste domingo. A presentadora Nieves Rodríguez estará en Muxía para vivir, xunto a milleiros de persoas, unha xornada marcada pola devoción, os rituais nas milenarias pedras dos arredores do santuario e a gran procesión na honra da Virxe.

As reporteiras Ariadna Leis e Belén Rivero tamén irán a Muxía para coñecer a historia desta gran romaría. Ademais, falarán con ducias de fieis que acoden ata o santuario da Barca para pedirlle favores á Virxe.  

Como non podería ser doutro xeito, "Vaia Troula" tamén seguirá con especial interese a romaría dos Milagres de Amil, no concello de Moraña. Deste xeito, entre os incontables devotos e curiosos que acoden en masa ao santuario de Amil, estará a reporteira Belén Vara.

As cámaras do programa tamén estarán presentes na romaría da Virxe dos Remedios de Ourense, na Festa da Empanada de Carral, e na incrible Noite Meiga do Barqueiro, en Mañón.

O San Roque do Monte de San Miguel de Deiro, en Vilanova de Arousa, as festas patronais de Fisterra e a divertida Festa do Viño do Pelete, no concello da Lama, completan o menú trouleiro do programa deste domingo. E, para que a festa sexa total, “Vaia Troula” ofrecerá, como é habitual, as actuacións das mellores orquestras do verán.