CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Vaia Troula" estará na Guarda, Foz, Escairón ou Cervo para facer gozar os espectadores coas súas festas

13/08/2017

As cámaras do programa tamén se achegarán ata  Vila de Cruces Boiro, Ribadumia, Santa María de Vigo, Cambre, Cabanas e Vilanova

"Vaia Troula" estará na Guarda, Foz, Escairón ou Cervo para facer gozar os espectadores coas súas festas

Santiago, 13.08.2017.- O domingo pola noite na Televisión de Galicia é tempo de “Vaia Troula” (22.35 horas). A presentadora Nieves Rodríguez estará no concello pontevedrés da Guarda, onde celebran as Festas do Monte. Un dos días máis agardados é o do desfile de grupos folclóricos e bandas mariñeiras, en que milleiros de persoas saen as rúas desta vila para tocar o bombo con todas as súas forzas.

Pola súa banda, a reporteira Ariadna Leis irá ata o concello de Foz para vivir a emocionante festa de San Lourenzo, en que celebran unha fermosa procesión. Ademais, Belén Vara achegarase ata Escairón, no concello do Saviñao, alí celebran, un ano máis, a súa tradicional carreira de burros, que sempre vai acompañada de xogos populares e boa comida para todos os asistentes. E Antía Muíños viaxará a Cervo para vivir en primeira persoa a noite de Maruxaina, unha orixinal festa de interese turístico na que recrean o rapto dunha serea por parte dos mariñeiros.

As cámaras de "Vaia Troula" tamén estarán presentes na festa do emigrante de Vila de Cruces, na romaría campestre de Neixón-Cespón, no concello de Boiro,  na exaltación do pan do Salnés de Ribadumia, e nas festas de Agolada. A gran cea popular de Santa María de Vigo, en Cambre, as festas de Laraxe, en Cabanas, e a festa do mexillón e o berberecho de Vilanova de Arousa completan o menú trouleiro do programa deste domingo.

Coma sempre, no programa tamén haberá tempo para as actuacións dos mellores grupos e orquestras do momento.