CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Vaia troula' despide a temporada desde a romaría da Virxe da Barca, en Muxía

15/09/2019

O espazo da TVG (22.05 h.) tamén estará presenta nas Festas do Nazareno da Pobra do Caramiñal, nos Milagres de Amil, na Virxe do Cristal de Vilanova dos Infantes e nas Festas do Cristo do Barco de Valdeorras

'Vaia troula' despide a temporada desde a romaría da Virxe da Barca, en Muxía

Santiago, 15.09.2019.-   'Vai troula' remata este domingo unha temporada que estivo cargada de festas e alegría. Para pechala por todo o alto, Nieves Rodríguez estará na romaría da Virxe da Barca, en Muxía. Alí compartirá coa veciñanza as tradicións das pedras nos arredores do santuario, a devoción pola Virxe e a música dos grupos tradicionais e charangas.

Pola súa parte, a reporteira Adela Bértolo viaxará ata A Pobra do Caramiñal para participar na procesión das mortallas das Festas do Nazareno. Nesta xornada, milleiros de devotos son protagonistas dun dos actos máis emocionantes de todo o ano.
    
Raquel Pérez estará en Amil, no concello de Moraña, onde a Virxe dos Milagres vai ser a gran protagonista do día cunha multitudinaria mostra de paixón por parte dunha chea de fieis. E Belén Rivero achegarase a Vilanova dos Infantes, en Celanova, co obxectivo de pasalo en grande e descubrir todos os segredos da tradicional romaría da Virxe do Cristal.
    
No último programa da temporada, as cámaras de 'Vaia troula' tamén estarán presentes nas Festas do Cristo do Barco de Valdeorras, na Exaltación da Paella de Corón, en Vilanova de Arousa, e nas Festas de Folgoso, en Abegondo.
    
A Festa da Ameixa de Campelo, en Poio, a Xira Campestre de Pontedeume e as Festas de Cuntis completan o menú trouleiro dun programa en que tamén haberá algunha sorpresa. E, para que non falte de nada, a música do grupo Samba fará as delicias de todos os trouleiros.