CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Unicef recada case 12.000 euros na 'Semana coa Infancia' da CRTVG coa colaboración da audiencia dos medios públicos

01/12/2017

Os programas da TVG e da Radio Galega serviron de escaparate para amosar as condicións de vida da infancia en todo o mundo e o traballo que desenvolve a ONG
 
Os galegos responderon ao chamamento á solidariedade desta campaña, cuxas doazóns irán destinadas a protexer os dereitos dos nenos máis vulnerables
 

Unicef recada case 12.000 euros na 'Semana coa Infancia' da CRTVG coa colaboración da audiencia dos medios públicos

Santiago, 01.12.2017.-  A cooperación da audiencia foi destacable na 'Semana coa Infancia' da CRTVG e Unicef, en que os medios públicos galegos colaboraron cunha programación específica de sensibilización sobre os dereitos dos rapaces e rapazas máis vulnerables, facendo fincapé no dereito á educación. Nesta campaña, que tivo por lema cierraUNICEF, os espectadores da Televisión de Galicia e os oíntes da Radio Galega achegaron, a través de mensaxes SMS ou chamadas telefónicas, un total de 11.748 euros.

A CRTVG serviu de escaparate durante toda a semana a Unicef para que puidese contar a situación da infancia en Galicia, España e no mundo, así como o traballo que desenvolve a ONG para mellorar a situación dos nenos e que se vexan cumpridos os seus dereitos. Programas da Televisión de Galicia, como o 'Bos Días', 'A Revista', 'Galicia Viva', 'Luar', 'Aquí Galicia' e os distintos telexornais, ofreceron variadas entrevistas a persoas expertas na situación da infancia ou mesmo reportaxes sobre as actividades desenvolvidas en distintos colexios galegos.

Na Radio Galega, pola súa parte, participaron un total de 12 programas. A través dos seus contidos tratáronse cuestións como a Educación en dereitos, o Pacto de Educación, o traballo de Unicef en urxencias, os nenos soldado, a educación en Cuba, as cidades amigas da infancia ou o deporte como ferramenta para a paz e a igualdade, entre outras.  

Os presentadores dos medios públicos Roberto Vilar, Marta Darriba, Loli Gómez, Adrián Díaz, Xusto L. Carril, Xoán Galán, Cristina García e Kiko Novoa, ao igual que as actrices Lucía Regueiro e Sabela Arán, participaron como 'mensaxeiros' nesta iniciativa realizando chamamentos á solidariedade dos galegos. Nesta sétima edición, mesmo se involucraron os futbolistas Lucas Pérez, do Deportivo, e Rubén Blanco, do Celta, protagonizando un anuncio en que convidaban á doazón.

Con cierraUNICEF, a CRTVG e Unicef propuxéronse concienciar os seguidores dos medios públicos sobre a importancia da solidariedade para protexer os dereitos da infancia máis vulnerable. A campaña baseouse no concepto de que algún día Unicef non sexa necesaria. O día que se acabe coa mortalidade infantil, o día que todos os nenos teñan acceso a educación e sanidade dignas, o día en que estean garantidos os seus dereitos en todo o mundo, ese día Unicef pechará porque o seu labor non será necesario e o mundo será un mundo mellor.

Os donativos recadados están dirixidos ao logro do benestar dos nenos, incluíndo a atención sanitaria, nutrición, acceso a auga e saneamento, educación e  protección.