CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG e Unicef únense na X Semana coa Infancia para apoiar a vacinación e o dereito á saúde e benestar infantil

15/11/2020

No marco da campaña de UNICEF #PequeñasSoluciones, a TVG e a Radio Galega emitirán, desde o luns 16 ata o domingo 22, contidos especiais

Presentadores e actores dos medios públicos participarán como ‘mensaxeiros’ de UNICEF para axudar a concienciar sobre a importancia da inmunización infantil
 

A CRTVG e Unicef únense na X Semana coa Infancia para apoiar a vacinación e o dereito á saúde e benestar infantil

Santiago, 15.11.2019.-  A CRTVG, no marco da súa Responsabilidade Social Corporativa, pon en marcha desde este luns e ata o domingo 22 de novembro a X Semana coa Infancia, unha iniciativa solidaria que este ano está centrada na sensibilización sobre a importancia da vacinación de todos os nenos e nenas do mundo. Co lema #PequeñasSoluciones, a CRTVG e UNICEF alíanse para incidir na importancia de garantir a continuidade da inmunización fronte a enfermidades evitables, en cumprimento da Axenda 2030 e do Obxectivo de Desenvolvemento 3, saúde e benestar.
    
Os presentadores e actores máis coñecidos dos medios públicos, Xosé Manuel Piñeiro, Kiko Novoa, Xoán Galán, Esther Estévez, María Xosé Rodríguez e Monti Castiñeiras, entre outros, implicaranse coma 'mensaxeiros', para poñer en valor a importancia da inmunización da infancia e recadar fondos para a campaña.

Ao longo de toda a semana, os espazos informativos da TVG e da Radio Galega (‘Telexornal Mediodía’, ‘Telexornal Serán’, ‘Bos días’, ‘A Revista’ e ‘A Revista Fin de Semana’, ‘Galicia por diante’, ‘A Bóla Extra’, ‘Convivir’, ‘A Tarde’, ‘A Crónica’, ‘Galicia en Goles’ e ‘Galicia por Diante fin de semana’) colaborarán emitindo contidos relacionados cos dereitos da infancia. Tamén participarán espazos coma o ‘Dígocho eu’, que dará pautas nas redes sociais sobre a correcta utilización da lingua no marco da saúde e a vacinación.

Do mesmo xeito, os programas de entretemento ‘Fun polo Aire’, ‘Quen Anda Aí’ e ‘Que nos pille rebolando!’ involucraranse na campaña convidando a expertos e divulgadores implicados coa causa. O espazo de humor ‘Malicia Noticias’ aproveitará a oportunidade de realizar algúns sketchs e, un ano máis, ‘Luar’ ofrecerá unha edición especial en saúde e benestar da infancia o venres 20 de novembro.

A estas accións cómpre engadir a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG, que apoiarán a campaña co cancelo #SemanaCoaInfancia e recollerán as noticias nunha canle temática en www.crtvg.gal.

O foco será a vacinación, co obxectivo de que ningún neno ou nena morra por unha causa que se pode previr con algo tan sinxelo coma unha vacina. A audiencia poderá colaborar co obxectivo de vacinar ao maior número de nenos e nenas do mundo, chamando ao 900 907 530 ou na páxina pequeñassoluciones.es. Con 10 euros ao mes, cada ano, UNICEF pode vacinar a 255 nenos contra a polio. Tamén se poderá apoiar mediante o envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €, UNICEF poderá vacinar un neno contra o sarampelo, a polio ou a tuberculose.

IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 1,2 € ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 900 907 500, Información legal e protección de datos: www.unicef.es

Na foto superior, Sahid, un dos protagonistas desta campaña.