CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Unha reportaxe da Radio Galega sobre o ciclismo nas estradas, finalista no XVII Premio Xornalístico de Seguridade Viaria

15/05/2020

O traballo de Paula Martínez foi emitido esta temporada no programa ‘Panorámica’

Este galardón de referencia no xornalismo español, ao que este ano se presentaron máis de 2.000 candidaturas, quere recoñecer o labor dos profesionais que promoven a difusión de noticias sobre hábitos responsables ao volante

Unha reportaxe da Radio Galega sobre o ciclismo nas estradas, finalista no XVII Premio Xornalístico de Seguridade Viaria

Santiago, 15.05.2020.-    Unha reportaxe de Paula Martínez, da Radio Galega, sobre a convivencia entre ciclistas e outros condutores, é finalista no XVII Premio Xornalístico de Seguridade Viaria. Estes premios da Fundación Línea Directa recoñecen así o traballo da xornalista da Radio Galega, emitido esta temporada no programa ‘Panorámica’ baixo o título ‘Como conviven nas estradas galegas os ciclistas con outros vehículos?’. ‘Panorámica’ emítese os sábados a mediodía, desde hai dous anos, na radio pública e xa ten recibido outros premios neste tempo.

Nesta edición presentáronse máis de 2.000 candidaturas, o que sitúa o Premio Xornalístico de Seguridade Viaria como un galardón de referencia no xornalismo español. Será un prestixioso xurado, presidido polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro, e formado por importantes personalidades do mundo da comunicación, quen designará os gañadores en función da calidade, o labor de concienciación e o enfoque dos traballos presentados. Os traballos xornalísticos finalistas, que, segundo a organización, destacan pola súa calidade e o seu labor informativo en materia de seguridade viaria, optan a un premio de 10.000 euros netos en cada unha das tres categorías do premio (prensa e medios online, radio e televisión).

O Premio Xornalístico de Seguridade Viaria da Fundación Línea Directa quere recoñecer o labor daqueles xornalistas que elaboran e difunden traballos xornalísticos de seguridade viaria, coa finalidade de impulsar a difusión de noticias que promovan hábitos responsables ao volante e nos acheguen ao obxectivo común de cero falecidos na estrada.