CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Unha rapaza que quere recuperar os xogos tradicionais e os responsables dunha aplicación informática recibirán os consellos de 'A vida é vella'

17/07/2017

O programa tamén axudará unha moza que deixou os estudos de Medicina para ser doula

Unha rapaza que quere recuperar os xogos tradicionais e os responsables dunha aplicación informática recibirán os consellos de 'A vida é vella'

Santiago, 17.07.2017.-    A Televisión de Galicia ofrece hoxe unha nova entrega de 'A vida é vella' (00.00 h.), un programa en que un grupo de señoras con moito mundo axudan a mozos e mozas a resolver os seus problemas do día a día. Presentado polo “larpeiro” Benigno Campos, trata con humor e sabedoría os pequenos e grandes problemas que lles formulan os mozos a Paz, Gloria, Victoria, Xulia e María Xosé, sempre dispostas a botar unha man no que faga falta.

'A vida é vella' presentará esta noite tres novas historias en que a audiencia poderá comprobar que a xente maior conta coa experiencia necesaria para resolver os problemas da mocidade ou polo menos para poñela a andar na boa dirección.

Nesta ocasión, Xulia, mestra retirada, botaralle unha man a unha rapaza que quere recuperar os xogos tradicionais, como a billarda. Por outro lado, Paz intentará que os responsables dunha aplicación informática traten de vendela loitando co mundo real. E, por último, María Xosé daralle uns bos consellos a unha rapaza que deixou os estudos de Medicina para ser doula e acompañar as futuras nais no embarazo e no parto.