CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Unha parella explosiva de Vigo, a formada por Mendu e Pili, protagonista este martes en '48 horas para o si'

25/01/2022

O mozo está disposto a organizar unha voda inesquecible que deixe atrás as malas experiencias que tiveron coas súas respectivas e anteriores relacións

Unha parella explosiva de Vigo, a formada por Mendu e Pili, protagonista este martes en '48 horas para o si'

Santiago, 25.01.2022.-   48 horas para o si (23:05 h) acode este martes á súa cita coa TVG cargado da enerxía e coa inxección positiva e amorosa dos dous protagonistas desta edición, Mendu e Pili. O mozo, Javier Menduíña ‘Mendu’, quere sorprender a súa parella, Pili Pumar, cunha petición de man e organizando unha voda inesquecible que deixe atrás as malas experiencias que tiveron coas súas respectivas e anteriores relacións.

Esta pode ser a segunda voda para cada un dos membros desta parella todo terreo de Vigo, que leva xunta e inseparable tres anos. Mendu, quen polo seu anterior traballo de relacións públicas no mundo da noite, tiña fama de conquistador, fixouse nela cando lle sacaba unha foto a un grupo de amigas, entre as que estaba Pili. Agregouna ás redes sociais e comezaron a falar. Ela, unha fan incondicional de Freddie Mercury, recepcionista de profesión e moi alegre, confesa que coñeceu con Mendu o amor de verdade aos 50 anos. A parella, que achega entre os dous cinco fillos, convive co pequeno de Pili.

Mendu, un romántico empedernido e tamén moi divertido, contará como cómplice coa axuda da súa amiga María Mundín para levar a cabo en 48 horas todos os preparativos para a posible celebración da voda. Alba, estilista da Coruña, e Rubén e Fer, dous organizadores de vodas coruñeses asentados en Marín, tamén contribuirán a facer realidade o soño do noivo.

El arriscarao todo para conseguir o ansiado "Si, quero", pero, cal será a reacción de Pili? A resposta, esta noite, nunha nova entrega do programa 48 horas para o si, con Iolanda Muíños como mestra de cerimonias.