CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Unha muller defensora da cultura tradicional e outra que abraza outro tipo de hábitos intercambian as súas vidas en 'A miña familia pola túa'

07/04/2021

As protagonistas desta semana son Lauri, unha nai mariscadora, e Abi, unha polaca moi metaleira que está en Galicia por amor

Unha muller defensora da cultura tradicional e outra que abraza outro tipo de hábitos intercambian as súas vidas en 'A miña familia pola túa'

Santiago, 07.04.2021.-  ‘A miña familia pola túa’ (22.25 h) pon este mércores fronte a fronte unha familia defensora da cultura tradicional e outra que abraza todo tipo de expresións e hábitos. Ambas familias deberán intercambiar as súas nais durante unha semana.

Lauri, a nai mariscadora de Campañó, comparte vida e profesión co home a quen coñeceu, hai máis de dúas décadas, entre o público do ‘Supermartes’. Traballan no mar e na súa mesa non faltan mexillóns, lagostinos, ameixas ou berberechos. Non ten que ser día de festa, calquera vale. Un día cos seus ao que só hai que engadir un temazo de El Fary que o marido e a pequena da casa, normalmente, interpretan a dúo. A esta muller gústalle a sinxeleza e pouco tempo, e ganas, ten para seguir a moda. Iso si, ao seu redor todo debe estar limpo como unha patena e colocado no seu lugar. Como se desenvolverá cunha familia coa casa a medio facer? Será capaz de mudar as súas crenzas? Chorará de impotencia ou de emoción?

Abi é unha polaca que vive en Galicia por amor. Ten 22 anos e unha filla cun home de 47, a mesma idade que o seu pai. A música ‘metaleira’, as tatuaxes e un pub en que o negro predomina son algúns dos puntos de unión desta parella. Ademais, desde hai pouco, esta rapaza intenta debuxar un novo camiño profesional no mundo do modelaxe. Na casa de Cerceda cómense carnes exóticas, viáxase polo mundo e homes e mulleres compiten por quen ten o cabelo máis longo. A pesar de definir os lagostinos como cascudas, serán quen de probalos nunha semana?

Que ocorrerá cando estas nais impoñan as súas normas? Adaptaranse as familias a vivir baixo unhas regras que son totalmente contrarias ás súas?

Galería de imaxes