CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Un proxecto de innovación da CRTVG e AMTEGA, seleccionado como caso de éxito en Colombia

29/11/2019

A Corporación participou esta semana no II Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación

Un proxecto de innovación da CRTVG e AMTEGA, seleccionado como caso de éxito en Colombia

Santiago, 29.11.2019.-  A proposta da TVG para a televisión do futuro foi seleccionada como caso de éxito no II Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación, celebrado esta semana en Medellín (Colombia). Neste encontro participaron máis de 150 persoas de Iberoamérica especialistas na innovación das empresas e institucións públicas.

Neste foro, o director de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira, explicou o proxecto PETISCO, unha plataforma que vai permitir a conexión de diferentes dispositivos para xerar unha experiencia audiovisual moito máis enriquecedora baseada na interacción, na seguridade e nos contidos de calidade. Xunto coa Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), PETISCO foi xestionado a través dun proceso de Compra Pública de Innovación, o que permitiu que máis de trinta empresas participasen na concepción do proxecto, na definición dos obxectivos e no deseño de solucións tecnolóxicas innovadoras. Na actualidade, esta iniciativa atópase na fase de licitación, despois de superar as fases de negociación co mercado audiovisual e TIC.

Neste encontro participaron outras entidades galegas que utilizan a metodoloxía de Compra Pública de Innovación, como a Axencia Galega para a Innovación (Gain) e a Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS).