CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

UD Logroñés-Lugo e a Segunda B, no 'Galicia en goles' da Radio Galega

23/10/2020

Ademais de fútbol, retransmitiranse os encontros de fútbol sala e baloncesto, co Burela e o Obradoiro en xogo, respectivamente

UD Logroñés-Lugo e a Segunda B, no 'Galicia en goles' da Radio Galega

Santiago, 23.10.2020.- As retransmisións da fin de semana na Radio Galega comezan o venres co partido de fútbol sala entre Osasuna e Burela, da liga de Primeira División. Desde as oito e media, 'Galicia en goles', conducido por Paco Santos, tamén estará pendente da última hora dos equipos galegos que preparan as competicións de fútbol e baloncesto.

O sábado, desde as 3 da tarde, a atención estará posta no UD Logroñés-Lugo, da Segunda División A, xunto ao Interrías-Deportivo B, de fútbol feminino. O baloncesto da LEB e as categorías femininas, xunto ao balonmán, voleibol e hockey a patíns completan a axenda do día.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce co derby de Barreiro entre o Celta B e o Rácing de Ferrol. Haberá ademais fútbol de Terceira e o Gran Canaria-Obradoiro, da Liga ACB de baloncesto. A partir das 3, a Segunda B e a Terceira protagonizan a xornada, co derby Compostela-Deportivo, xunto ao Pontevedra-Unionistas e o Salamanca-Coruxo, como encontros destacados.

A partir das oito e media do serán, adestradores e xornalistas debaterán no Faladoiro sobre os resultados dos nosos equipos e analizarán o Levante-Celta que se disputa o luns. Ás 11 da noite, a mesa de debate continuará na edición de 'Ao contraataque'.

A fin de semana trae á sintonía da Radio Galega outras propostas deportivas, todas o sábado. Á 1 do mediodía, Alfonso Pardo chega a Valdoviño con 'Convivir deportivo' para divulgar o Océano Surf Museo. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez presenta a revista do motor 'Gas a fondo' e ás once e media Toni López García entrevista no 'Galicia en Toquio' a Jacobo Garrido e Sara Álvarez.

Todas as emisións deportivas da Radio Galega chegan á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e os altofalantes Alexa. Tamén os oíntes poden ver a radio, a través do Mira RG, onde por streaming teñen a opción de ver a emisión do Faladoiro de 'Galicia en goles' desde as oito e media do serán.