CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

TVG, líder de audiencia cun 21,7% coa retransmisión dos fogos do Apóstolo na noite do 24 de xullo

26/07/2017

O programa especial desde a praza do Obradoiro logrou un minuto de ouro preto da media noite cunha cota do 32,4%

O martes, 25 de xullo, Televisión de Galicia foi a canle máis seguida na comunidade galega e a máis vista entre todas as autonómicas, acadando un 12,9% de cota media

A audiencia apoiou a emisión por Facebook Live con case 40.000 visualizacións e 128.400 persoas acadadas

TVG, líder de audiencia cun 21,7% coa retransmisión dos fogos do Apóstolo na noite do 24 de xullo

Santiago, 26.07.2016.-  A retransmisión dos fogos do Apóstolo do luns 24 na Televisión de Galicia acadou un 32,4% de audiencia ás 23.56 h., facéndose co minuto de ouro, en que 268.000 persoas estaban vendo o espazo, e logrou unha cota de pantalla media do 21,7%.  A TVG foi líder toda a xornada, tanto en entretemento coma en informativos, cun 12% de cota media no conxunto do día. Ademais, o 'Telexornal Mediodía' foi o segundo programa máis visto do luns, e o informativo máis seguido, cunha cota do 23,8%.

O martes 25 de xullo, a TVG fíxose co liderado tanto en Galicia coma entre as canles autonómicas, acadando un 12,9% e contando coas emisións máis vistas na comunidade galega: os espazos informativos 'Telexornal Mediodía' e 'Galicia Noticias'.

Ademais, o espazo de entretemento 'Sopa de Festa' foi o programa non informativo máis visto da xornada, cunha audiencia do 18,5%. Pola noite, a 'Gala Especial do 25 de xullo' contou cun 13,6% de media. A retransmisión da misa e a película 'Os Fenómenos' tamén destacaron polos seus bos datos de audiencia, xa que conseguiron un 12,5% e un 8,1%, respectivamente.

FACEBOOK LIVE

A canle pública tamén retransmitiu os fogos do Apóstolo mediante o Facebook Live dos perfís da CRTVG e da Televisión de Galicia, unha ferramenta de reprodución de vídeo en tempo real da rede social, que rexistrou case 40.000 visualizacións e 128.400 persoas acadadas.

Ademais, a publicación tivo unha gran participación, xa que se compartiu máis de 1.100 veces, recibiu case 7.500 reaccións e foi comentada por máis de 550 persoas dende diferentes partes do mundo, que agradecían a opción de poder gozar dos fogos en directo.

A ferramenta Facebook Live foi utilizada pola canle pública por primeira vez o sábado pasado coa emisión do triangular de fútbol do trofeo Isidro Silveira. As seguintes emisións tiveron lugar o día 24 de xullo pola mañá, coas Medallas de Galicia, e pola noite, a retransmisión máis seguida de todas, o espectáculo pirotécnico.