CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Triángulo de Amor Bizarro presenta en exclusiva o seu novo disco no programa 'Estudio 3' de RG Música

22/03/2018

A banda coruñesa, unha das máis destacadas do panorama indie español, gravou nos estudios da Radio Galega un concerto coas cancións do seu novo EP, 'O Gatopardo'

Os oíntes da emisora pública poderán escoitar hoxe este traballo, un día antes de que saia á venda

Triángulo de Amor Bizarro presenta en exclusiva o seu novo disco no programa 'Estudio 3' de RG Música

Santiago, 22.03.2018.-    O programa de Radio Galega Música 'Estudio 3' comezou unha nova etapa de gravación de concertos e fíxoo ao grande, co novo traballo do grupo galego Triángulo de Amor Bizarro, unha das bandas máis destacadas do panorama indie español, que hoxe, ás 20.00 h., presentará en exclusiva o seu novo e agardado traballo, titulado 'O Gatopardo'.

Este EP sae á venda o 23 de marzo, pero un día antes os oíntes de Radio Galega Música coñecerán esta pequena colección de cancións, que seguen o esquema das cantigas de escarnio e maldizer. O adianto deste traballo é 'O Isa', que fala da raíña Isabel a Católica.

A banda coruñesa continúa así con paso firme unha traxectoria que comezou en 2007 cun disco homónimo e que continuou con 'Ano Santo', co que se consagraron. Cunha base de guitarras distorsionadas ao límite, ritmos frenéticos e letras crípticas, conseguen encher salas de público multixeracional coreando as súas cancións. Coa súa mestura de indie pop-punk con toques psicodélicos, Triángulo de Amor Bizarro participou en numerosos festivais e non para de gañar adeptos con cada novo disco.

Nesta nova andaina de 'Estudio 3', o espazo presentado por Ricardo Alonso ten xa confirmada a participación en próximos concertos de Eladio y los Seres Queridos, do músico Xoel López e do grupo Novedades Carminha.