CRTVG Viva
Tres nominacións internacionais da TVG nos CIA Awards de Cannes e nos Produ Awards latinoamericanos
‘Motel Valkirias’ e a serie infantil ‘Os Argonautas e a Moeda de Ouro’, finalistas dos premios Content Innovation Awards do MIPCOM de Cannes, a feira audiovisual máis importante de Europa
‘Motel Valkirias’ tamén suma outra candidatura internacional esta semana ao ser finalista dos Produ Awards que se celebrararán no MIP Cancún

Santiago, 07.09.2023.- A serie ‘Motel Valkirias’ de Televisión de Galicia segue a recoller recoñecementos internacionais desta volta por partida dobre. A coprodución de CRTVG e RTP, mais CTV e SPi, foi dobremente nominada esta semana.
A produción galega é finalista como 'mellor serie de ficción de fala non inglesa' nos premios Content Innovation Awards de TBImagazine asociados ao festival MIPCOM de Cannes, a maior feira de contido audiovisual de Europa e onde se darán a coñecer os vencedores deste ano.
Á súa vez, a serie da Galega tamén acaba de recibir a súa candidatura como 'mellor serie dramática de ficción' nos Produ Awards, que se resolverán dentro do MIP Cancún, a principal cita audiovisual do mercado latino que se celebra no continente americano.
Estas nominacións súmanse á recibida por ‘Motel Valkirias’ aos XXVII Globos de Ouro portugueses, na categoría de mellor proxecto de ficción. Ademais, a serie logrou xa un galardón internacional neste 2023, o Premio CIRCOM, da asociación das televisións rexionais europeas, no apartado de entretemento e ficción.
Por outra parte, a serie infantil ‘Os Argonautas e a Moeda de Ouro’, unha produción da galega Portocabo, apoiada por TVG, é candidata a obter o galardón na categoría de ‘Best Live Action Kids Drama’ tamén nos Content Innovation Awards do MIPCOM. ‘Os Argonautas e a Moeda de Ouro’ estrearase na Televisión de Galicia esta temporada.